«Hai que prestar bos servizos aos visitantes sen que se pague todo cos impostos dos veciños»

CARBALLO

O rexedor analizou onte cunha empresa especializada os cambios que se van introducir na xestión da punta do Cabo

15 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, anunciou días atrás que, aproveitando a previsible avalancha de visitantes do vindeiro Ano Santo, pretende regular o acceso á punta do Cabo (segundo punto máis visitado de Galicia) e, de paso, obter fondos para prestar mellores servizos. O máis chamativo (para a comarca, porque xa se fai en moitos puntos de interese por Europa adiante) será o cobro polo uso dos baños e dos aparcamentos, pero haberá máis medidas. Todas elas, previas ao gran cambio que suporá a aprobación do Plan Especial do Monte do Cabo, que seguramente as manterá. O seus responsable, César Portela, xa dixo que lle parecen ben. Traba reuniuse onte coa empresa que se vai encargar de facer o estudo económico e financeiro.

-¿En que momento están no proxecto de cambio para un lugar tan visitado e simbólico como é o Cabo?

-Estudando a fórmula de transición previa ao plan especial. Unha empresa, que por certo ten unha enorme experiencia en áreas de interese paisaxístico e patrimonial, vainos facer un estudo de viabilidade económico-financeiro para ver que facemos e como. Ten que ser canto antes, porque miramos cara o Xacobeo 2010.

-¿Esperan obter moitos beneficios cobrando por aparcar e por ir aos baños?

-Non, non se trata diso. O que temos claro é que hai que prestar bos servizos aos visitantes sen que se pague todo cos impostos dos veciños. Máis que conseguir cartos, o que tratamos é de minimizar gastos, compensar. E ofrecer máis e mellor información aos que veñen a vernos. Por exemplo, cunha sinalética mellorada, e ofrecendo guías e información para que os que soben ao Cabo saiban que ver en Fisterra. Que se queden no pobo polo menos unhas horas, non chegar e marchar, como fan moitos.

-¿Cando empezará todo?

-A ver como van os traballos, pero queremos que sexa para a Semana Santa. Se funciona, xa se manterá todo o ano, ata que se aprobe o plan especial, e no peor dos casos, ata finais de setembro, cando acabe a tempada de verán. No estudo económico-financeiro aparecerán reflexadas as opcións correspondentes. Tamén queremos coordinar co Xacobeo, temos pedida unha entrevista. E, en xeral, pretendemos que as medidas que adoptemos contribúan á sostibilidade da zona.

-¿Cortarán o paso dos coches xunto á igrexa, ou poderán chegar ata arriba, como agora?

-De momento, chegarán ata arriba. Pero estamos mirando como habilitar aparcamentos temporais. na explanada, seguramente quedará para os autobuses, e a ampliación pode vir cara a zona do antigo vertedoiro, onde o mirador. O espazo é limitado, hai que aproveitalo ben. Na reunión de hoxe [por onte] estivo o arquitecto que dirixiu as reformas no Cabo, precisamente para aunar esforzos entre todos os implicados.

-¿Como reaccionou a xente ao anuncio de que se cobrará?

-A xente entende que é necesario. Non vexo rexeitamento ningún.