As fundacións Castro-Rial e Caixa Galicia colaborarán co museo Seno de Corcubión

La Voz

CARBALLO

As fundacións Caixa Galicia e Castro-Rial colaborarán na programación que este verán desenvolverá o museo marítimo Seno de Corcubión, un dos centros de difusión da cultura marítima máis importantes de Galicia. A sala de mostras acollerá durante os meses de xuño, xullo e agosto unha exposición producida pola Fundación Caixa Galicia coa que pretenden afianzar o edificio corcubionés como unha das referencias culturais e turísticas da zona.

Inaugurado no 2001, o museo marítimo está situado nun edificio singular construído no século XIX como fábrica de salazón e que a principios do século XX sufriu diversas modificacións. Na actualidade dispón de sete salas con exposicións permanentes, unha sala para mostras temporais e unha pequena biblioteca.