A entidade celebrará o vindeiro sábado no Palacio?de Cristal de Baio a tradicional Comida da Fía
15 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Arredor de 400 persoas participarán este sábado en Baio na tradicional Comida da Fía, que organiza a Asociación de Amigos do Liño, que preside Carmen Riveiro. Será unha exaltación gastronómica, pero tamén, e unha vez máis, unha oportunidade única para comprobar que o labor das artesás do liño segue moi viva. A Comida cumpre este ano o seu decimoquinto aniversario, unha data que coincide coa celebración do Ano Internacional das Fibras Naturais, unha escusa perfecta para presentar algunhas novidades nesta cita.?-Levan quince anos co mesmo menú (migas con pan con chícharos, patacas con bacallau e papas de arroz).
-Si, pero non é por comodidade, senón porque ese é un menú tradicional que recuperamos cando empezamos coa Comida da Fía. Era o que lle daban ás mulleres como pago por fiar durante todo o inverno. Este ano, ademais, haberá unha degustación de troitas da piscifactoría de Isidro de la Cal.
-O resto do programa tampouco cambiará.
-Non, porque despois de tantos anos xa comprobamos que funciona moi ben. Como noutros anos, durante o café faremos o desfile, no que participan as modelos da escola de Dolores Couceiro, que mostrarán os 28 traxes que fixemos na asociación. Despois, como novidade, actuarán as pandereteiras As Fiandeiras e tamén o grupo da asociación Fol de Neaño, que recuperaron cancións relacionadas co liño.
-¿Hai máis novidades?
-Este ano, coincidindo co Ano Internacional das Fibras Naturais, decidimos incorporar traxes feitos con palla de liño colada. Ademais, as papas de arroz farémolas con leite da zona. É leite de Feiraco, onde alimentan ás vacas con semente de liño, así que este ano podemos dicir que haberá liño ata no leite.
-¿Aínda hai tempo para anotarse á comida?
-Hoxe é o último día e as invitacións poden retirarse no bar Cruce de Baio, na sede da asociación ou chamando ao 696 268 923. O prezo é de 12 euros para os socios e de 15 para os que non o son.
-En xeral, os artesáns quéixanse de que o seu traballo non está ben valorado. ¿Ocorre o mesmo co liño?
-No noso caso penso que o noso traballo está moi ben valorado. É certo que sempre hai xente que se queixa dos prezos, pero en xeral, a maioría dos que ven o noso traballo valoran que é algo auténtico que leva tempo facelo.
-¿Que é o que máis demandan os compradores?
-Os chales son o noso produto estela, aínda que tamén facemos moitos manteis e tamén están tendo moita saída os vestidos de noiva.
-¿Por que non apostan pola industrialización?
-Non sería viable, porque na Unión Europea hai un gran excedente de liño. Ademais, nós apostamos polo liño como produto socio-cultural, vendemos artesanía, pero tamén a cultura que rodea ao liño.