O Centro Comarcal acolle a colección máis representativa desta arte milenaria
04 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«Buño foi para min un venturosos descubrimento». Esta é unha das primeiras frases que un se atopa cando visita a sala Luciano García Alén, que se inaugurou hai sete días no Centro Comarcal de Buño. Pero ademais do gran achado que supuxeron os estudos deste investigador para a olería galega, a creación deste novo espazo foi a materialización dun soño que, por fin, se fixo realidade hai unha semana e que moitas persoas, na súa maioría artesáns, levaban esperando moitos anos.
Luciano García Alén doou ao redor de 300 pezas da súa colección persoal, que foi adquirindo nos últimos anos nos seus traballos de campo e de contacto con esta arte milenaria. «O traballo de recollida da información fixo nacer unha historia de amizade coas xentes do barro», explica un dos paneis da mostra. As pezas están divididas en tres áreas temáticas, atendendo a súa utilidade, á estética e aos elementos decorativos e ornamentais.
Neste momento a exposición conta cun centenar de utensilios, a idea, segundo explicaban onte no Centro Comarcal é ir cambiándoas en diferentes momentos. «Por exemplo, coa chegada da Mostra da Olería», explicou unha das traballadoras desta entidade cultural.
A luz
A sala Luciano García Alén traslada, en poucos segundos, aos visitantes ata a época de ouro das «xentes do barro». A luz proxectada desde o expositores potencia as cores das distintas pezas e as suspende nun fondo escuro, converténdoas en obxectos de valor incalculable. A mostra viaxa por toda Galicia, recollendo a arte dos oleiros e da súa historia, a través das ferramentas que esas xentes utilizaban no seu día a día. Di outro dos paneis que se atopan expostos no percorrido da mostra : «Está é a historia dun descubrimento e dunha viaxe a través do barro, que se inicia e remata en Buño, hai case corenta anos. Na feira de Carballo, xunto ao muro da louza, produciuse un encontro e unha amizade que duraría para sempre».
Así comeza o traballo que empuxou ao etnógrafo pontevedrés e que deu como froito esta exposición que se pode atopar de forma permanente no Centro Comarcal da parroquia malpicana.
Trátase do soño de Buño a través do corazón de oleiro de Luciano García Alén.