«Na invasión francesa non morreron tantos veciños»

E. E.

CARBALLO

O historiador considera que as tropas galas causaron nas dúas invasións de 1809 cerca de 50 baixas locais

31 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A piques de cumprirse os 200 anos da invasión francesa de Corcubión e Cee o historiador Víctor Castiñeira -técnico de Cultura en Cee- aporta unha visión menos romántica daqueles feitos e do seu impacto, que contrasta con datos salientables como o impacto demográfico daqueles ataques.

-¿Que pasou naqueles días de 1809?

-O que pasou foi que, ao mellor por descoñecemento ou levados polo entusiasmo, púxose en risco a vida de inocentes. É loable o intento da xunta de defensa de Corcubión de sumarse á causa, pero fíxose sen ter en conta as consecuencias dos seus actos. Se o exército do marqués de la Romana estivo seis meses esquivando as tropas de Napoleón, pouco poderían facer os veciños de Cee e Corcubión. -¿Por que acabaron os franceses na comarca? -O problema de Napoleón, ademais de querer abarcar moito, foi que nesa campaña o exército chegou sen abastecemento de Francia, algo que non fixera noutras campañas. Aquí houbo requisas, que foron as que desencadearon o malestar do pobo. Se a última vez que viñeron a pedir alimentos llos entregaran, seguramente hoxe teríamos o retablo de Domingo Antonio de Andrade. -Pero chegaron e houbo batalla. -Non houbo batalla, houbo un paseo dos franceses. Tampouco houbo unha destrución tan esaxerada como din. En total morrerían unhas 50 persoas, a maioría mulleres porque os homes fuxiron. En 1768 e 1769, por exemplo, polas malas colleitas o pico de mortalidade na zona multiplicouse por oito. Sen embargo, en 1809 so se multiplicou por dous e medio. Se houbese centos de edificios queimados isto non se tería recuperado. O malo foi que na segunda visita queimaron as dúas igrexas. -De nada serviu a defensa. -Defensa houbo en Monforte ou en Mondoñedo, onde os veciños se defenderon casa por casa. Aquí moitos saíron correndo en canto viron cerca os franceses. -¿Que papel xogaron os ingleses na defensa das vilas? -Por unha parte foi unha sorte contar co apoio do barco inglés, pola outra, unha desgraza. Se non chegan a estar os barcos ingleses seguramente no pasaría nada. Os franceses mandaron as tropas cando souberon que había unha fragata desembarcando armas e armando aos veciños. E a segunda vez volveron porque souberon que unha das fragatas entrou no porto. A súa idea era apresala ou destruíla. Ao non poder facelo, queimaron as igrexas. -A defensa non semellou ser moi eficaz. -Non sabían. Houbo unha mala planificación e minusvalorouse o perigo. Da segunda vez os defensores chegaron moitas horas despois de que rematase o saqueo.