«Do maltrato fálase moito, pero interesa pouco»

Antón Bruquetas

CARBALLO

Interpreta esta tarde no Pazo da Cultura de Carballo a obra «Rotas», na que se aborda a violencia sexista

12 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Mela Casal (Sergude, Boqueixón, 1946) interpreta o papel dunha ama de casa que sofre o drama da violencia sexista. Ela é unha das dúas protagonistas de Rotas , unha obra baseada nun texto de Rosalía Castro que a compañía Pífano Teatro representa a partir das 20.30 horas no Pazo da Cultura de Carballo. A entrada é libre, pero previamente haberá que retirar unha invitación. A proposta parte da Asociación da Prensa da Coruña, que tenta concienciar á sociedade sobre este problema. Mela Casal subliña que «se conseguimos facerlle entender a unha persoa que é unha vítima, xa paga a pena».

-¿Como foi a resposta do público nos outros lugares nos que representaron a obra?

-A verdade é que a acollida está sendo moi boa. Rotas trata de amosar o maltrato dende dous puntos de vista. O dunha ama de casa corrente, que interpreto eu, e o dunha muller que ten unha profesión liberal, que representa Gloria Ferreiro. Para estes papaeis documentámonos moi ben, incluso entrevistamos a vítimas da violencia sexista. Ao final hai unha mesa redonda onde participan as avogadas Patricia Arnoso e Ana Trío, e a sicóloga Pilar González e onde tamén se implica o público.

-¿Pola temática que ten é especialmente difícil de interpretar?

-Non, porque o gran éxito desta obra é que conta as cousas tal e como lles acontecen as mulleres que padecen malos tratos. E hai que darse conta de que en moitos casos negan o que lles está a pasar. Por iso, Rotas non é especialmente dura, pero si chega ao corazón. O que pretendemos é que as vítimas deste tipo de violencia se dean conta do que lles pasa. Se o conseguimos cunha soa, xa paga a pena.

-¿E xa o conseguiron?

-Si, foi das primeiras veces que a representabamos en Vilagarcía. Despois da función, cando estaban xa na mesa redonda, unha muller maior levantouse e empezou a contar o seu caso.

-¿Emocionouse?

-Emocionámonos todos. Recordo que eu estaba na parte de atrás, porque as actrices non intervimos na mesa redonda, e todo o mundo comezou a aplaudir. Foi un xesto moi valente.

-¿En cuestión de volencia sexista queda moito que ensinar?

-O peor é que de maltrato fálase moito, pero realmente interesa pouco. De feito, nestes casos, as mulleres quedamos reducidas a simples números. Os números das que falecen, pero non se lles dá tanta importancia ás que quedan ingresadas nun hospital, ou ás que padecen maltrato sicolóxico.

-¿A educación é básica para cambiar as tornas?

-A sociedade avanzou moito, pero aínda queda un gran traballo por facer na educación para a igualdade. O que pasa é que os cambios chegan tan lentos e cansan.