Os anos seguen pasando a modo por Vilastose

CARBALLO

A xente vive moitos anos nesta parroquia. Sempre houbo centenarios, e agora hai varios que deixaron atrás os noventa fai tempo.

29 oct 2008 . Actualizado a las 10:57 h.

En Vilastose, xa se sabe (dende os tempos gloriosos das idades de ouro das irmáns Esperante Canosa) a xente vive moitos anos, ou se cadra é que o tempo anda máis a modo ca noutros lados. Se cadra, pola auga, e se cadra, por unha mistura perfecta entre os aires do mar, que non está lonxe, e os da terra, que é parroquia labrega, de interior.

Aquí houbo sempre centenarios. Algo moi chamativo nunha parroquia de nove lugares e menos de 400 habitantes. Mulleres, sobre todo, foron esas centenarias. As dúas últimas morreron fai dous anos, e os relevos, se todo van ben, chegarán axiña, porque hai xa varias persoas quentando o banquiño con 90 anos largos.

Está, por exemplo, o maior de todos, Basilio Plácido Carlín, apodado de toda a vida O Fresco de Vilanova , polo lugar no que reside (Vilanova, non O Fresco). Esta mesma semana aínda se vía paseando polas rúas da capital muxiana, adonde se desprazou ata a casa dunha filla. Como sempre, cunha vitalidade envexable. Hoxe celebra o seu 97 aniversario.

Contaba Basilio que, por riba del, en idade, hai aínda varias mulleres na parroquia. Pero unha veciña, boa coñecedora do lugar -e na ausencia de padróns parroquiais accesibles- sinala que non, que el é o maior, e que detrás del veñen os outros. Unha muller en Agrodosío que anda polos 96-97, outra que por aí lle vai no mesmo lugar, outra da mesma quinta natural de Vilastose mesmo, e outra máis de Cibrán algo máis nova. Poderían ser máis, pero fará medio ano foise un nonaxenario e, fará un mes, un que non lle andaba lonxe.

Abundancia

Nesta análise non exhautiva sempre pode quedar algún fóra, o que dá idea de que a abundancia ata fai confundir os anos. Non ocorre así en moitas outras parroquias da volta, onde todo o mundo coñece á perfección ao maior ou á maior, a que fixo os 90 ou pasa pouco dos 80. E, por haber, hai algún concello da zona que non ten nin un centenario.

O mellor rexistro da peculiaridade de Vilastose está no seu cemiterio, mirando as lápidas e lendo os anos aos que finaron. A maior fora Carmen Esperante Canosa, con 107, a unha semana dos 108. Hainos de 100, de 102, de 101... Polo menos 24 das lápidas de Vilastose revelan que os seus amos tiñan 90 anos ou máis cando pasaron á outra vida. Incluso en casos de mediados do século pasado, cando a esperanza de vida (por chamarlle dalgún xeito) era máis ben curta. Son as cousas de Vilastose.