Remataron as excavacións na ermida de San Guillerme

La Voz

CARBALLO

11 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Empezaron o 4 de agosto e remataron onte. As excavacións no entorno da ermida de San Guillermo, nun dos altos do monte do Cabo de Fisterra, tocaron á súa fin.

En realidade, o groso dos traballos arqueolóxicos xa rematara a semana pasada, pero nestes días, os arqueólogos e os restauradores pecharon os detalles pendentes e acabaron de consolidar muros e estruturas, para que todo quede ben arranxado a seguro ata o ano que vén. Sempre e cando Patrimonio, que é o organismo que autoriza e paga, así o considere. Pero sería moi raro que non o fixese, dados os achádegos atopados. Lorena Caeiro, arqueóloga da empresa Zeta Arqueoloxía, a mesma que xa o ano pasado fixera as catas que anunciaban que había moitos por descubrir, está moi satisfeita co traballo e cos resultados, que se poden dividir en dous grandes grupos.

Por unha banda, pola cantidade de material que foi aparecendo. Unha cruz de bronce, unha vaina do mesmo material para gardar un puñal, unha figura pequeniña en acibeche que representa, con grande realismo, ao Apóstol Santiago vestido de peregrino. Moedas, centos de trozos de cerámica, lascas de sílex, pezas de metal, cravos, plaquiñas de bronce, un alfiler e outros obxectos. Moito e bo material que enchería un museo local, pero que, de momento, vai para os da peregrinacións de Santiago. Unha proba máis da indubitable relación que este punto garda dende sempre co Camiño, que non remataba nin remata en Santiago.

O outro grupo de achádegos é o que máis se ve: os murosa, as estancias. Non pertenceron a unha soa época, senón que unhas foron sucedendo a outras ao longo dos séculos, ou incluso reaproveitándose. Existen indicios claros, conta Lorena Caeiro, de que por unha banda estaba a ermida, onde algunha vez houbo culto, e por outra os espazos habitacionais ao seu carón, onde viviron inquilinos. Cando, cantos e como dirano -se cadra- os estudos, análises e seguintes excavacións.

De momento, pouco se pode concretar. O atopado anda entre o XIII e o XV. A ermida, por aí (contan os textos que se derruiu no XVII). O coñecido sartego é do VII. Os especialistas terán que ir dando fiadas e atando cabos históricos sobre o pasado dun dos lugares míticos do territorio galego.

Os turistas que os vaian ver, pide Lorena, «¡que, por favor, respecten os muros!».