Pablo Bouza fíxose co primeiro premio do certame de poesía Francisco Añón organizado en Outes

J. M. Sande

CARBALLO

19 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro premio da décimo segunda edición do certame literario Francisco Añón foi a parar ás mans de Pablo Bouza Suárez, que concorreu coa obra O home que falaba coas baleas . Nas categorías de nenos e xoves poetas, tamén obtiveron galardóns Carlos Martínez, Lorena Barrera e Lara Porto.

O alcalde outense, Carlos López Crespo, destacou no acto de entrega das distincións a transcendencia do idioma galego. Tamén expresou o seu desexo dun longo e próspero futuro para a lingua da terra e pediulle aos políticos que loiten para que o idioma non sexa nunca un elemento diferenciador, ou xerador de conflitos sociais.

O xurado do concurso salientou a madurez lingüística do traballo gañador, de temática mariñeira, e do que se desprende un manexo axeitado do léxico empregado, ademais de constituír unha obra moi ben estruturada. Este poemario tamén amosa unha gran formación literaria do seu autor, Pablo Bouza, afincado en Culleredo.

Os autores das obras premiadas leron parte dos seus poemas ante o público, e varios deles agradeceron ao Concello de Outes o labor que ven facendo na potenciación da cultura e do idioma galegos. «Este certame goza de tal prestixio, que xa figura entre os grandes premios aos que pode optar un poeta galego, comentou Bouza.

Ademais das obras premiadas en cada unha das categorías establecidas, segundo a idade dos seus autores, tamén recibiron distincións Nerea Dosil pola obra A primavera ; Elena Blanco por Xa é primavera e Sarai Fernández por O día e a noite . Rosa Veiga, Jesús Álvarez, Sara Molinos e Alba Cid Fernández tamén verán os seus versos publicados.