En maio estreouse como candidato á alcaldía de Zas, e agora vai na lista ao Congreso. Di que é un recoñecemento á zona
20 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.José Luis Acción Porto está collendo un forte impulso político, aínda que xa leva máis de 30 anos afiliado. Foi candidado polo PSdeG-PSOE á alcaldía de Zas e logrou acta de concelleiro, que antes non había. Poucos meses máis tarde, concorre ao Congreso na lista provincial do seu partido que encabeza o ministro César Antonio Molina, o que di que é unha honra. Cumplirá 49 anos en plena campaña, o 3 de marzo. Residente en San Adrián de Castro, en Zas, está casado e ten dous fillos, un de 16 e outro de case 14 anos. É enxeñeiro técnico e funcionario da Xunta.
-¿Como lle sentou que o escollesen para ser candidato?
-Con satisfacción. En certa medida, é un recoñecemento dos compañeiros, e tamén un respaldo á Costa da Morte. O comité propúxomo e aceptei. É satisfactorio, pero tamén unha responsabilidade, e espero estar á altura.
-Mellor sería ir máis arriba do oitavo, xa postos...
-Bueno, pero unha lista é un grupo de persoas. A uns tócalles un posto, e a outros, outro. Eu estou moi contento así, ao lado de xente á que respecto e admiro moito. O importante é colaborar e contribuír aos obxectivos do partido, que se verán reflectidos nunha mellora en España, Galicia e, por suposto, na Costa da Morte.
-¿Que tal leva a precampaña? Xa lle tocaron varios mitins.
-Pois vouna levando ben. De momento, compaxinando a actividade diaria co meu traballo, é o que nos pasa aos que vivimos dun soldo. Van saíndo actos, por suposto, trato de facelo o mellor posible, aportando cousas e divulgando o programa do partido.
-Xa tiña a experiencia da campaña en Zas, pero agora deu o salto comarcal. ¿Notou moito cambio ante audiencias diferentes e heteroxéneas?
-Mellor do que me esperaba. O que me axuda é que teño certa experiencia, pola miña actividade profesional, na celebración de actos públicos en distintos ambientes, incluso docentes, así que estou afeito a falar con colectivos de xente. E teño que dicir que me atopo cunha gran receptividade, incluso con aqueles dos que xa esperaba un maior aspecto crítico.
-Falará dos que se opoñen ao plano acuícola e llo fan saber nos actos, como lle ocorreu en Baio o outro día.
-Por exemplo. Penso que se trata dun asunto que ten peso, pero que non vai condicionar a campaña. Pareceume moi correcto que a xente reaccionase como o fixo en Baio, amosando o seu punto de vista crítico, dun xeito visible, pero correcto e educado.
-En Camariñas si que se fixeron notar algo máis...
-Pódese entender que en lugares a onde acuden as máximas atoridades se queiran facer notar máis, pero aquilo foi excesivo. Ademais, hai xente que fai unha interpretación sesgada deste plano de Pesca.
-Que vostede defende abertamente.
-Si. Son consciente de que sempre pode haber algún problema, que certas actividades sempre lle poden afectar algo a alguén, pero se se fan as cousas con rigor, non hai duda dos seus beneficios, como que as novas plantas acuícolas crearán emprego na zona, que é moi necesario. O que temos que facer é asegurarnos de que vai crear eses postos de traballo, iso é fundamental. As empresas da acuicultura, pero as outras tamén. Se hai un compromiso, teñen que cumprilo. E, se o incumpren, as autoridades teñen que actuar.