O Concerto de Outo de Laxe acadou o éxito polo bo nivel que deron as entidades participantes

La voz

CARBALLO

30 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concerto de Outono do orfeón Breogán de Laxe foi un éxito. O público, que encheu a igrexa, saíu satisfeito da tarde de música. Ademais non podía ter escollido mellor escenario a agrupación organizadora: un maxestuoso templo gótico mariñeiro con boa acústica para as voces convocadas.

Comezaron as actuacións os membros da coral polifónica Xan Mella, que contaba con alguna baixa por enfermidade, pero non mermou o seu bo nivel habitual. Os membros da agrupación de Tatiana Pankrátova interpretaron o Ave verum corpus de Mozar, Nos caneiros, Eres tú , Habanera salada e Torrevieja . Moitos aplausos e algúns bravos.

Interviron a continuación os integrantes da coral Eumesa, unha formación que xa vai cara os corenta anos. Os seus temas foron Vinea mea alecta , Baixo os arcos da ponte , o himno de Carmen Sarmiento dedicado a Pontedeume, A caracola , Kalinca e Trabajos de la Viña . Destacaron sobre as súas boas voces a soprano e máis os baixo solistas. Tamén moi aplaudida a formación que dirixe dende 1985 Xosé Paz Fernández.

A última intervención correspondeulle ao grupo organizador, o orfeón Breogán, a única formación coral da Costa da Morte integrada exclusivamente por homes. Baixo a dirección de Teresa López cantaron Salió de Jamaica , Pregúntale a las estrellas , Ansiedad , Ojos de España e Salve Rociera e tamén colleitaron unha boa dose de aplausos.

A celebración rematou cunha boa merenda de irmandade entre os membros das corais.