A Feira das Fabas de Ponteceso repartirá máis de 2.000 racións

La Voz

CARBALLO

27 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai xa 17 anos, os comerciantes de Ponteceso decidiron revitalizar unha das feiras máis famosas da bisbarra. Unha cita na que os agricultores acudían coas fabas e, de paso, poñíanse ao día das novidades máis importantes do Concello. Hai 17 anos naceu a Feira das Fabas de Trabe, que hoxe volverá a ser a protagonista gastronómica da Costa da Morte, esta vez da man do Concello pontecesán, que se encarga da súa organización.

Durante os últimos días foron porta por porta recollendo as legumes, que onte xa estaban a remollo. Hoxe, desde primeira hora da mañá, comezará a elaboración da fabada xigante. Unha pota enorme na que os tres cociñeiros de sempre -Pablo, Josefa e Manolo- meterán máis de 200 quilos de fabas, 180 de carne, 10 de graxa, 30 litros de aceite e 20 de viño. A todo ilo sumarnlle tres ou catro quilos de condimentos varios e o toque máxico da experiencia. E loureiro e perexil para rematar un prato que ano tras ano reúne a miles de persoas baixo a carpa que instalou o Concello para evitar os sustos da chuvia, aínda que as predicións aseguran que hoxe lucirá o sol durante toda a mañá.

En total, os organizadores teñen preparados máis de 1.000 pratos, aínda que calculan que venderán (a cinco euros cada unha) máis de 2.000 racións. E se as cousas transcorren coma o ano pasado, haberá que darse présa, porque a fabada acabouse case nun abrir e pechar de ollos. As racións irán acompañadas dunha cunca de viño e, por suposto, pan. Máis de 150 quilos elaborados pola panadería Forniños, que na última fornada do día fará unha única peza duns dous metros de largo e case 20 quilos de peso.

Os concursos para elixir as mellores fabas -en tres variedades: país, ril e asturiana- e maila música farán da Trabe unha feira de festa. Coma antano.