Incansable experimentadora, acaba de estrear unha obra teatral na que participa como actriz
18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A María Lado Lariño, nacida en Brens en 1979, era doado situala hais uns anos, se cadra xa dez. Esta escritora, máis ben poeta, e xa estaba, que non é pouco. Eran os derradeiros anos do Batallón Literario da Costa da Morte, do que formou parte. Tempos nos que, en letras de Cal, xa publicaba A primeira visión , aló polo 97. Despois virían Casa Atlántica, Casa Cabaret , e Berlín , no 2005, ademais de incontables colaboracións.
Pero agora xa é máis complicado definila. Sen entrar moito polo miudo, é naturalmente escritora, pero tamén (é ou foi) actriz, axudante de dirección, blogueira (dos primeiros autores galegos en usar o blog para expresarse: http://casatlantica.blogspot.com), guionista, colaboradora de portais de información xeral, de radio, de televisión, videocreadora. -Con todo iso, non lle estrañará que lle pregunten que é, ou a que se dedica. -Non, fano moitas veces. E sigo que eu, ademais de ter estudado produción, e de estar a piques de rematar filoloxía (faltan un par de materias), son escritora. É a miña actividade principal. Escribir e recitar. Recito, cunto cunha compañeira, Lucía Aldao, non á maneira habitual, senón que facemos un espectáculo, por chamarlle algo, moi particular, con vídeos, de cara ao público e ríndonos con el... En plan garito americano. -A fin de semana estreouse a obra «Pan», de Volta e dalle, e con dirección, entre outros, do muxián Rivadulla Corcón. Vostede é unhas das cinco actrices. ¿Que tal foi? -Moi ben, estou moi contenta. Na estrea o teatro estivo a tope, e o domingo, cun bo aforo. Empezamos en Santiago e agora haberá que empezar a moverse. -O oficio de actriz non lle é descoñecido. -Non, empecei xa no teatro universitario, cun grupo que montara Fernando Dacosta. Estiven varios anos nel. Logo pasei pola Aula de Teatro, con Roberto Salgueiro, tamén estiven en espectáculos soltos, con Vicente Montoto, e ata de axudante de dirección, en Salitre . -En canto á literatura, ¿con que proxectos anda? -Está pendente a publicación da obra coa que gañei o concurso Avelina Valladares. -Non foi o seu último premio. -Non. Déronme outro en Palas de Rei ao que non me presentara, un recoñecemento á miña obra. Eu fun a primeira sorprendida. -¿Como ve o panorama artístico galego ?
-A miña sensación é que hai moita xente que fai moitas cousas. Eu, cada vez, uso máis as novas tecnoloxías para as creacións, e observo que iso é moi común. Sobre todo, a Rede. É doado subir a ela un traballo e a distribución é moito máis sinxela.