Lugo celebra a Semana da ciencia con charlas, visitas e obradoiros

C. López

LUGO

18 nov 2008 . Actualizado a las 14:47 h.

A Semana da Ciencia, que este ano celebra a súa oitava edición en Galicia, comprende unha serie de actividades, que se celebrarán ao longo dos vindeiros trinta días e cuxo principal obxectivo é involucrar á cidadanía na ciencia e na tecnoloxía. Para elo, durante as próximas xornadas numerosas entidades públicas e privadas, desde universidades e centros tecnolóxicos ata concellos e empresas, abren as súas portas e organizan todo tipo de actividades de divulgación para o público.

O obxectivo que se persegue con estas actividades é amosar á cidadanía, dun xeito ameno e accesible, como a ciencia e a tecnoloxía están presentes na vida cotiá, desde os elementos máis simples aos máis sofisticados. Dado que este 2008 foi declarado Ano internacional do planeta Terra pola Unesco, a Semana da Ciencia dedicará este ano especial atención a esta temática.

En Sotavento

Baixo o título «Ciencia e enerxía: novas experiencias», neste obradoiro, a celebrar durante as próximas tres semanas no parque experimental de Sotavento, en Xermade, inclúense actividades que se realizan coa finalidade de potenciar a divulgación de experiencias, instalacións e os últimos avances científicos que cada ano aporta Sotavento como valor engadido aos seus visitantes.

As actividades inclúen visitas guiadas, obradoiros, propostas de intervención sobre os materiais, actividades lúdicas, actividades interactivas, exposicións fixas e temporais, itinerarios e xornadas familiares. Todo elo desenvolveranse dende mañá, día 10, e ata o día 27 de novembro.

Descubrindo a robótica

O obxectivo do obradoiro denominado A maxia da robótica é participar en grupo na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO, de maneira sinxela e divertida en tan só unha hora, contando cunha preparación previa dunha hora de introdución e familiarización cos robots e a linguaxe da robótica.

Para este obradoiro non é necesario ter coñecementos en programación ou en electrónica, posto que a programación realízase nun contorno visual e sinxelo para que os máis pequenos tamén poidan construír e deseñar os seus robots. O lugar de celebración será o centro de educación do Parque Infantil de Tráfico de Lugo e a data prevista do día 17 ao 21.

Ga-láctica

Na Aula de Produtos Lácteos levaranse a cabo xornadas divulgativas da ciencia dirixidas a escolares de entre dez e doce anos de centros de ensino de Lugo. A duración de cada xornada será de tres horas nas que se presentarán as actividades da Aula; explicarase o fluxo de traballo de I+D+i; degustaranse produtos lácteos para salientar as características máis importantes de cada un deles e guiarase aos visitantes polos laboratorios deste centro. Baixo o nome xenérico de Ga-láctica, esta actividade terá lugar todas as mañás, entre os días 17 e 21.

¿Que pasou en Tunguska?

Cúmprense cen anos desde o suceso de Tunguska, unha explosión aérea de gran potencia que orixinou todo tipo de hipóteses e que espertou un grande interese na opinión pública, polo que é importante dar a coñecer este evento desde un punto de vista científico. Por iso, celebraranse dúas conferencias, unha no campus de Santiago e outra no de Lugo, para dar a coñecer a explicación científica deste suceso. Na capital luguesa a conferencia terá lugar na Escola Politécnica Superior o día 19 ás seis da tarde e pronunciaraa Manuel Andrade Baliño.