«Foi moito esforzo seguido, pero as ilusións facíanme traballar»

Adriana Baamonde RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Este carpinteiro ten por afección realizar réplicas de barcos a escala. Agora fixo unha obra dedicada á súa muller, María Rosa, falecida hai meses

07 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Santos Sieira Rodríguez é un boirense que ten unha afección moi particular. No seu tempo libre dedícase á construción de réplicas de barcos en madeira. No seu haber ten entre vinte e trinta copias de barcos reais. Agora decidiu doar a súa última obra ao Concello de Boiro. É o María Rosa, un galeón réplica dun orixinal que estivo presente na guerra de Trafalgar.

-¿Cando e como comezou o seu interese por esta afección?

-Hai moitos anos. En Galicia non abundan os interesados neste arte, pero ao coñecer xente de fóra comecei a meterme neste mundo, que ao tempo se converteu nunha auténtica paixón.

-¿Canto tempo lle leva a vostede a construción dun galeón a escala?

-Normalmente arredor dun ano. No caso deste galeón, fíxeno moi rápido, seis meses. Invertín moito tempo e moito traballo, pasei moitas horas seguidas no meu taller. De feito, acabei dúas veces en urxencias, pero quería rematalo canto antes.

-¿Que dificultades atopa para levar a cabo este tipo de obras?

-Aquí non hai afección por este tipo de manualidades, polo que non hai xente que requira material para traballar, nin pezas, entón é moi difícil conseguir os anacos para facer os galeóns. No meu caso, eu mesmo fixen as pezas, a partir de planos e de esquemas, para moitas das miñas construcións.

-Niso poderíase dicir que vostede conta cun pouco de vantaxe, xa que foi carpinteiro.

-O meu traballo si que me puido influír beneficiosamente no meu pasatempo, pero en ningún momento se parece unha cousa á outra, xa que isto fágoo por diversión, porque me relaxa, e porque me gusta, é unha forma de evadirme, de deixarme levar.

-Fale da súa obra «María Rosa», ¿por que decidiu facer esta homenaxe á súa muller?

-A miña compañeira faleceu hai uns meses, e eu necesitaba renderlle unha homenaxe. Esta obra saíume do corazón. Se fora pintor, faríalle un cadro; se fose poeta, escribiríalle un poema; pero como eu era carpinteiro, fíxenlle unha obra do que eu mellor sabía facer.

-¿Por que decidiu doar esta obra, tan importante para vostede, ao Concello de Boiro?

-Se a deixara quedar na miña casa, ninguén podería gozar con ela. É igual que un traxe caro ou unha garabata, se os tés pero non os ensinas para deixar que os demais tamén os vexan, non vale de nada.

-¿En que galeón se inspirou vostede para crear a réplica «María Rosa»?

-O modelo é un galeón afundido na guerra de Trafalgar. Decidín que era hora de facer unha réplica dun tamaño maior ao que estaba acostumado. De feito, este galeón é o máis grande que construín ata o momento. Tiven problemas mesmo para sacalo do meu taller e levalo ata o Concello. Se non chego a darme conta, xa non podería nin saír.

-¿Como foi vostede capaz de reconstruílo con tanta fidelidade?

-Pois o que fixen foi pedir os planos do barco, nada menos que a Italia. Unha vez conseguidos, reproducinos a escala e facendo os meus apaños foi como fixen a miña obra.

-¿É a primeira vez que doa unha das súas creacións?

-A primeira vez que fago unha doazón a un Concello si. Pero, xa regalei outras réplicas. Nalgúns casos dinllas a amigos e compañeiros. De todas as que fixen, regalei arredor dunhas dez.

-¿Ten pensado facer algunha réplica doutro barco coñecido?

-Todos os barcos que eu fixen son réplicas de naves célebres. A verdade é que agora mesmo, non teño en mente ningún proxecto concreto. Supoño que tomarei un descanso despois desta construción. Foi moito esforzo seguido, pero as ilusións facíanme traballar. Volvería dedicarlle as horas que foran precisas para rematar a obra, era moi importante para min acabala e tamén necesitaba facelo ben.