«Atendemos a unha media de 6.500 visitantes cada ano»

BARBANZA

Viviu de preto a evolución que experimentou o museo de Neixón no relativo á oferta de actividades, o que permitiu incrementar a cifra de usuarios

20 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde que abriu as súas portas, no ano 2002, o Centro de Interpretación Arqueolóxico do Barbanza ten como coordinadora a Pitusa Lomba. Ela é a mellor testemuña da importante evolución que experimentaron estas instalacións ao longo da súa curta vida, sobre todo no referente á oferta das actividades que se poñen a disposición dos visitantes. -¿Cal é o balance que fai destes oito anos de andaina do centro? -Pois moi positivo, xa que os comezos foron máis ben improvisados. O centro estaba enfocado á recepción dos visitantes dos castros e logo foise introducindo programación, desde rutas ata obradoiros, co fin de potenciar o patrimonio e dinamizar a zona. Isto permitiu que, ano a ano, fósemos incrementando o número de visitantes. -¿Cantas persoas pasan por estas instalacións cada ano? -Atendemos a unha media de 6.500 visitantes cada ano, unha cifra que consideramos está moi ben. -¿Chegan a Neixón atraídos pola sona dos castros ou veñen na procura do centro? -Ao principio, a xente que chegaba non buscaba un turismo cultural, por iso se notaba máis a afluencia de visitantes nos días de chuvia. Cara o ano 2005 isto cambiou. Agora, a maior parte das persoas saben ao que veñen e teñen claro que é o que lles interesa. -¿Cal é o visitante tipo de Neixón? -No inverno recibimos fundamentalmente a escolares, que veñen aquí para completar a teoría que reciben nas clases. Na primavera e no verán traballamos sobre todo con turistas. A maiores, ao longo de todo o ano recibimos grupos moi variados, desde amas de casa ata xubilados ou asociacións culturais. O certo é que temos un público moi variado. -¿Chama máis a atención dos visitantes o xacemento arqueolóxico ou o museo? -Pois non podería dicilo, xa que case todos os que se achegan aquí visitan as dúas cousas. Hai incluso xente que ven cada ano, movida polas exposicións itinerantes que montamos no centro. -De feito, a que está nestes intres, sobre os primeiros poboadores de Galicia, está a ter moi boa acollida, ¿non? -Pois si, está a gustar moito, sobre todo entre o público infantil pola súa interactividade. Os espectadores poden, por exemplo, tocar as armas de pedra e comprobar como cortan diferentes materiais. Chaman moito a atención as reproducións de caveiras. -¿Están xa a traballar no deseño de novas actividades de cara ao vindeiro verán? -Si, xa temos deseñado o programa das Xeiras, que este ano percorrerá Briteiros, Mérida e Salamanca; e tamén haberá rutas pola comarca. É probable que haxa unha nova edición do campo de traballo dos castros e tamén ofreceremos obradoiros. Un dos que mellor funciona é o dos primeiros poboadores, no que se fan actividades como acender lume, tiro con arco e moenda. -Aínda que todo indica que o centro funciona ben, ¿que bota en falla? -A principal carencia que temos a día de hoxe é a de espazo. O centro quédase pequeno para levar a cabo todas as actividades que programamos. Hai que ter en conta que os grupos que nos visitan soen ser dun mínimo de medio cento de persoas. Todo indica que coa ampliación das instalacións, esta grave carencia quedará subsanada.