O peirao de Muros faise co timón das embarcacións tradicionais

J. M. Sande

BARBANZA

10 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O peirao de Muros ofrecía onte unha imaxe atípica e histórica, a que viña marcada pola presenza das 150 embarcacións tradicionais que participan no encontro organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. De dar a benvida oficial ás naves encargouse, onte pola tarde, a conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo,

A dirixente da Xunta lembrou que o mar é unha das maiores riquezas coas que conta este país, e por iso a importancia de preservar os elementos patrimoniais ligados ao medio, a súa cultura e tradicións e buscar a mellor forma de explotar racionalmente os recursos que del se obteñen.

Para o presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Víctor Fernández, non só é preciso conservar a riqueza dos enseres e a cultura do pasado, senón que tamén é necesario ser capaces de poñer en valor todos eses elementos para tentar rentabilizalos turisticamente, e acadar un mellor nivel de vida nas vilas mariñeiras.

O dirixente da organización tamén salientou que os tripulantes dos barcos chegados a Muros, o conxunto do pobo muradán e as institucións que patrocinan o encontro fan posible unha celebración única que quedará na memoria de todos os que acudan estes días á vila muradana. Víctor Fernández rematou dicindo: «Non nos trabucamos cando eliximos este pobo para celebrar este noveno Encontro de Embarcacións Tradicionais».

Pola súa banda, o alcalde muradán, Domingos Dosil, referiuse a que as xentes de Muros asumen con eficacia a responsabilidade que contraen cada vez que se lles dá a oportunidade de organizar algunha actividade salientable. «O mar é o maior recurso do que dispoñemos e temos que aproveitar as posibilidades que este nos proporciona», rematou dicindo o rexedor, á vez que animaba a veciños e visitantes a gozar destas xornadas.

Boa acollida

O presidente do comité local da organización, Manuel García Sendón, dixo sentirse moi satisfeito da acolleita dada en Muros a esta celebración. Despois de ir enumerando a todas as entidades e colectivos que participan e patrocinan este encontro desexou a todos os tripulantes unha feliz estadía na vila e pediu a veciños e visitantes que gocen dunha ocasión singular de ver, lembrar e vivir a esencia da cultura tradicional do mar.

As actividades do noveno Encontro de Embarcacións Tradicionais comezaron onte en Muros a primeiras horas da mañá, co inicio das xornadas técnicas que arroupan os actos máis chamativos e vistosos, como son a arribada a porto dos veleiros, as prácticas de navegación ou o armamento do velamen dos navíos acorados aos peiraos da vila.

Así, dende as dez da mañá celebráronse distintas conferencias e coloquios sobre os ecomuseos e o desenvolvemento sostible, e tamén se presentaron proxectos de dinamización e posta en valor de elementos culturais marítimos. Estas actividades proseguirán ao longo de todo o fin da semana na Casa de Cultura da vila muradá.

Por outra banda, varios colectivos, e mesmo cidadáns anónimos da vila, participaron na ornamentación de rúas e prazas do pobo, nas que instalaron elementos do antigos, moitos deles ligados a actividades mariñeiras, pero outros tamén propios da labranza, como querendo lembrar que os mariñeiros, en algunhas etapas do ano, tamén se dedicaban a cultivar a terra para obter produtos para o seu consumo.

Dende a tarde de onte xa se puxo operativo un servizo de autobuses entre a vila e a zona do parque empresarial, co fin de facer máis doado o estacionamento dos coches nese lugar. Este servizo e gratuíto e facilitará o traslado do público en xeral, así como dos tripulantes. O autobús sae cada hora, dende as dez da mañá e ata as tres da madrugada.