O Grupo desvela o seu pasado

BARBANZA

Unha exposición recolle documentación sobre a xestión e a construción do colexio ribeirense

30 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que entrou en funcionamento no ano 1949, as primeiras xestións para a construción do colexio O Grupo remóntanse a finais do século XIX. Foi nesa época cando a corporación municipal de Ribeira empezou a moverse ante distintas Administracións co obxectivo de conseguir un centro no que puideran reagruparse as escolas unitarias.

Coñecer de preto toda a longa historia que envolveu a posta en marcha do antigo Francisco Franco é posible a través dunha exposición de documentos que abriu o xoves nas instalacións educativas, onde permanecerá ata mediados de xuño. Trátase da terceira mostra que organiza O Grupo para conmemorar o sesenta aniversario da súa entrada en funcionamento.

Esta exposición conta con dúas partes diferenciadas. A primeira delas está integrada por documentación que o colexio conseguiu a través do Concello, para o que contou coa colaboración do arquiveiro municipal, José Antonio Otero Sobrido. Nela poden verse dende as actas dos plenos nos que se acordou solicitar a construción do centro ata os escritos de expropiación de terreos, os orzamentos da obra ou as autoridades que asistiron ao acto de inauguración.

Papeis da escola

Na segunda parte da mostra figuran os diferentes exemplares da revista Alborada , editada no Grupo dende o ano 1985, así como outros documentos internos do centro, como libros de matrícula e cartillas de escolaridade. A maiores, están os cuños que houbo na escola ao longo da súa historia, estampados en papel antigo.

O acto de inauguración desta mostra estivo presidido polo directivo do colexio Anxo Corberlle; polo mestre Luís Teira; e pola concelleira de Educación, Juana Ermitas Crugeiras. Ao seu remate, os asistentes desprazáronse ao conservatorio municipal, onde Emilio Rodríguez López e José Antonio Otero ofreceron unha conferencia na que profundaron máis sobre a historia do centro educativo ribeirense.

O comité organizador dos actos do sesenta aniversario da escola xa ten data para a próxima actividade. Será o 22 de xuño, coincidindo co remate do curso, e consistirá nun festival no que os alumnos serán os protagonistas. Terán á súa disposición obradoiros, inchables e un karaoke. Tamén haberá actuacións de baile galego e caribeño.