«O que máis me gusta deste traballo é o trato directo coa xente»

Rosa A. Gallardo

BARBANZA

Despois de estar unha longa tempada traballando en Suíza, concretamente nunha fábrica de cosméticos, Leticia Bermúdez estableceuse na vila de Muros, onde non tardou en atopar emprego como carniceira.

-¿Traballara algunha vez nisto con anterioridade?

-Si, meu pai tiña carnicería no Pino de Val, así que coñezo o negocio dende nena. -¿Que é o que prefire facer no seu traballo? -Fago de todo, picar carne, chourizos, zorza; ata facemos pan e os domingos asamos churrasco, pero o que máis me gusta deste traballo é o trato directo coa xente, sempre hai un tema de conversa e dese xeito o traballo lévase mellor. -¿Cal é o produto estrela ou o que prefiren os seus clientes? -Dende logo a carne que ofrecemos é de moi boa calidade, matamos na casa xa que meu irmán ten unha explotación gandeira. Deste xeito temos completa seguridade no produto que ofertamos e á clientela vémola contenta, logo o xeito de elaborar a zorza ou os chourizos xa é cuestión de gustos. -¿Como ve a chegada do verán? -O verán soe ser unha época na que non se para de traballar, xa que hai moitos turistas na zona. Pero tamén te ríes moitos, tentando falar idiomas. O certo é que, dentro do malo de ter que estar a currar, lévase bastante ben.