Co patrocinio de Lonxanet, alumnos do instituto participan nun programa de sensibilización ambiental
14 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os estudantes do instituto As Insuas de Muros participan en actividades de sensibilización sobre a importancia da protección do medio ambiente, do patrimonio cultural, do desenvolvemento sostible e da cooperación internacional, no marco do proxecto Super Puerto do Perú. Esta iniciativa está patrocinada pola Fundación Lonxanet para a pesca sostible, e forma parte do programa Axenda 21 Escolar Galega.
O obxectivo básico desta proposta é a divulgación do proxecto, e á vez, utilizalo como ferramenta de reflexión para que os nenos participantes neste obradoiro asimilen outras experiencias e realidades dende o punto de vista socioeconómico e cultural, destacando cuestións básicas coma a pobreza, a desigualdade, os dereitos humanos ou a protección do medio natural.
Entre as propostas deste obradorio destacan o coñecimento da área costeira de Laguna Rocha de Perú, na que se desenvolve a iniciativa de pesca sostible, o estudo do seu ecosistema e a creación dun manifesto de compromiso do instituto. Este documento contén os problemas actuais e as posibles solucións, e xa foi lido polos alumnos de primeiro de ESO no último pleno do Concello de Muros.
Problemas actuais
Entre a temática conflictiva de máis actualidade para o alumnado deste instituto atópanse a violencia de xénero, a crise económica, a drogadicción, o racismo, a inmigración, a pobreza e a fame, as enfermidades, o cambio climático, a contaminación do aire, a xestión dos residuos, a desertización, a deforestación e a perda da biodiversidade.
Para atallar estes problemas, propoñen solucións tales coma incrementar as condeas, administrar mellor os cartos e atraer máis turismo, evitar o contrabando, aceptar as culturas, crear emprego no terceiro mundo, máis axudas para o desenvolvemento dos países pobres, diminuir o consume de enerxías contaminantes, usar transportes colectivos, fomentar a reciclaxe do lixo, repoboar zonas productivas, evitar os incendios e controlar a caza.
O manifesto conclúe dicindo: «Nós non temos solucións para moitos deses problemas, pero podemos tratar de mellorar as cousas axudando e respectando ás persoas que nos rodean, tratando ben a todos os seres vivos e compartindo o que somos e o que temos».