«O proxecto das minas de San Finx será un dos principais reclamos turísticos de Lousame, xunto con Toxosoutos»
BARBANZA
Dende a súa chegada á alcaldía Freire Abeijón intentou recuperar o poboado de San Finx. Unha tarefa na que se atopa inmerso dende hai varios meses, a pesar de que, como el apunta, o bipartito ralentizara o seu proceso de recuperación.
-Hai varios meses que se iniciaron as labores de recuperación do poboado de San Finx. ¿Que é exactamente o que queren facer e que presuposto necesitan para iso?
-A idea é crear un museo mineiro, no que xa hai habilitado un centro de interpretación. Preténdese acadar a financiación para ese proxecto, que estivo ralentizado durante estes anos. Esperamos que agora poida saír adiante. Será un proxecto cun montante global en torno a un millón de euros. Nós entendemos que o proxecto das minas de San Finx será un dos principais reclamos turísticos de Lousame, xunto con Toxosoutos.
-¿Xa estableceu vostede as comunicacións pertinentes para inaugurar o centro de interpretación do complexo?
-Está solicitada a entrevista co conselleiro de Industria, pero a día de hoxe aínda non foi posible fixar a data. Nós contamos con que ao longo deste mes poidamos telo aberto ao público.
-¿Xa teñen algún plan de dinamización para vender este importante proxecto?
-Entendemos que é un proxecto que completará a oferta turística que hai na área do Barbanza e tamén entendemos que se pode incluír dentro do circuíto de visitas que ten a comarca. Coa difusión precisa, unha sinalización adecuada e publicidade cremos que pode funcionar moi ben.
-Antes falaba vostede de que a captación de auga retardou o avance do polígono industrial de Fontefría, pero ¿en que situación está actualmente o de Tállara?
-No de Fontefría falaremos de novo con Augas de Galicia para ver se é posible captar auga do río Vilacoba, e o de Tállara paralizouse porque coa chegada da crise as empresas que xa tiñan medidas as parcelas e incluso falaran con algúns veciños para comprar desistiron na súa labor. Agora ímoslle propoñer ao novo goberno se hai posibilidades de que sexa a Xunta quen se encargue de sacar adiante a posta en marcha do polígono.