«Aquí búscase gobernar a calquera prezo. É o que menos me gusta da política»

BARBANZA

Ex presidente de canto colectivo hai en Boiro, Hermo está agora volcado en lograr que a súa empresa saia airosa da crise

02 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Non para. Viaxes a Madrid, a Barcelona, a Santiago... Ramón Hermo Bermúdez vai camiño de converterse nun nómade dende que abandonou toda presenza na vida asociativa boirense para dedicarse por completo a sacar adiante o seu negocio. Unha tarefa que apenas lle deixa tempo libre, aínda que hai dúas citas sagradas ás que nunca falta. Unha delas é a costume de comer co seu grupo de amigos cada quince días, e a outra, a súa horta e o paseo de cada fin de semana pola punta de Neixón.

É precisamente neste recuncho da parroquia de Cespón onde se atopa o rincón de Ramón Hermo. «Antes de vivir en Neixón, non coñecía moito esa zona, pero agora paso alí as fins de semana. Ten o mar, o monte, todo para poder relaxarse», explica. Pero ademais de pasear polo entorno do castro, Hermo converteuse, a base de tesón, en todo un experto no cultivo de froiteiros: «De non saber nada de poda nin de enxertos pasei a descubrir unha nova afección que me encanta tanto que paso todo o meu tempo libre coidando os froiteiros e as viñas. Unha árbore é coma un fillo, ves como vai medrando, se acertaches cos enxertos, se non... É bonito».

Ademais de empresario, este home estivo sempre vinculado a distintos colectivos do municipio boirense e presidiu dende a asociación de veciños A Unión aos clubs de fútbol de Boiro e Cabo de Cruz, o de remo,a patronal, Boiromostra, expobarbanza... e ata a Federación de Empresarios do Barbanza. Á pregunta de se non bota de menos toda esta actividade a maiores dos seus negocios, asegura que «non me dá tempo a botalo en falta. Dende que nacín, sempre estiven metido nos medios sociais e asociacións, pero agora, con tanto problema coa crise, hai que dedicarlle á empresa moito máis tempo que antes. Eu se me meto en algo, fágoo con todas as consecuencias, e agora non teño tempo».

Facendo un percorrido por todos os colectivos nos que participou activamente, Hermo destaca sobre todo os bos recordos, «dos malos non me lembro». E de todos eles, os da súa e etapa á fronte de Boiromostra e Expobarbanza: «Foi unha iniciativa que saíu da nada grazas ao traballo dun bo equipo, e os recordos que teño desa época son os que máis pegada me deixaron porque foi duro; eran poucos días, pero moi intensos, había que estar a tope».

Candidato

Outra faceta menos coñecida, ou menos recordada, de Ramón Hermo é a da política. Case coma unha anécdota, lembra a súa candidatura á alcaldía de Boiro con Converxencia Nacionalista Galega, un intento no que, por certo, obtivo uns resultados pouco alentadores: «Fará vinte anos diso. Foi unha experiencia bonita, porque pensabamos que era moi fácil meterse na política, e non o é. Non sacamos ningún concelleiro; había nove candidaturas e só PSOE, PP e BNG obtiveron representación».

A pesar de non lograr unha praza na corporación, Hermo fai tamén un balance positivo desta etapa, na que, segundo conta, aprendeu que «hai que saber ceder se queres estar en política». Este é un mundo que lle segue gustando, polo menos como espectador, aínda que hai algunhas regras do xogo coas que non está moi de acordo: «Gústanme os debates, pero non que un determinado grupo leve a contraria en todo só por facer oposición. E tampouco me parece ético que dous partidos se unan para impoñerse ao máis votado. Aquí non se busca o mellor para o pobo, búscase gobernar a calquera prezo. Iso é o que menos me gusta da política». Esta é tamén, dende o seu punto de vista, a razón de que o bipartito da Xunta fracasara nas últimas eleccións.

Negocios

Pero o da política é de momento auga pasada e nestes intres está centrado nos negocios, que requiren, dado o contexto de crise actual, toda a súa atención. Non é a primeira vez que pasa por dificultades -é a terceira crise que vive na súa empresa-, pero recoñece que, desta vez, a cousa é máis seria. «Ímonos recuperar, por suposto, sempre houbo altos e baixos, pero coido que imos ter crise para rato, cinco anos mínimo», vaticina.

Recoñece que a súa empresa aínda non se veu demasiado afectada pola recesión, e, aínda que non poderá evitar que o negocio sufra os rigores das vacas fracas, está tomando as medidas necesarias para minimizar os efectos. «Estamos intentando abrir mercado fóra de Galicia e de España, pero a curto prazo ímolo notar coma todos», explica, antes de engadir que unha freada na construción comezaba a facerse necesario: «Facía falta un stop porque isto xa era demasiado, chegouse a un punto no que todos eramos construtores, e non podía ser».

Considera que a gravidade da situación vén dada pola crise financeira e sostén que isto se vía vir e que non tocamos fondo: «En Galicia, como para todo, somos os últimos, e a crise non é unha excepción. Aquí estase notando máis lentamente, non é tan brusca coma en outros sitios como Madrid ou Barcelona, pero aínda estamos en plena baixada e a recuperación tamén vai ser máis lenta».