A segunda concentración promovida pola peña Ídolos atraerá a afeccionados de diversos puntos de Galicia
04 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Percorridos polos lugares de interese turístico da comarca, degustacións de produtos do mar, exhibicións e diversas actividades de lecer integran o programa deseñado pola peña Ídolos, en colaboración coas concellerías de Xuventude e de Cultura de Ribeira, con motivo da segunda Concentración Motociclista Cidade de Ribeira. As accións previstas desenvolveranse ao longo das xornadas do sábado e do domingo, e está previsto que nelas participen afeccionados procedentes de diversos puntos de Galicia.
Ademais dun encontro de amantes do curioso mundo dos cabalos de aceiro, os promotores desta concentración pretenden aproveitar a ocasión para promocionar turisticamente a comarca. Así o manifestou onte o presidente da peña Ídolos, Francisco José Tubío, que explicou que todos os que se dean cita en Coroso recibirán información sobre a beleza paisaxística ou a infinidade de actividades deportivas e de lecer que se poden practicar na comarca.
Tamén os concelleiros Luciano Fernández e Vicente García destacaron a importancia que iniciativas como esta concentración teñen para promocionar turisticamente a zona e para ofrecerlle aos veciños unha alternativa máis para gozar do seu tempo de lecer.
Degustación
De feito, ademais do programa deseñado para os moteiros, haberá actividades ás que poderán sumarse todos os ribeirenses. Está previsto que os vehículos de dúas rodas empecen a ruxir na zona de Coroso ás once da mañá do sábado, hora para que está fixada a apertura das inscricións. Á unha terá lugar a presentación da nova directiva da peña Ídolos, acto que se completará cunha degustación de produtos do mar.
Ás oito do serán, os afeccionados ao mundo do motor terán a posibilidade de presenciar unha exhibición a cargo do piloto portugués Nelson Pina. As artes escénicas tamén terán o seu oco, xa que para as 23.30 horas está fixada unha actuación teatral a cargo de Os maldonados.
As motos tomarán a cidade de Ribeira ao mediodía do domingo, xornada na que varios pilotos deleitarán ao público cunha sesión de acrobacias. O escenario elixido para esta actividade é o Malecón.
Os máis pequenos tamén foron tidos en conta á hora de elaborar esta variada programación. Para eles instalaranse xogos inchables na zona de Coroso.