Sampedro revive na súa vila

Sara Ares

BARBANZA

A asociación Derecho a Morir Dignamente Galicia lembrará ao autor con diversos actos en Xuño e O Son

11 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Mañá cúmprese o décimo aniversario da morte de Ramón Sampedro e, para conmemorar esta data, a asociación Derecho a Morir Dignamente (DMD) Galicia, ao igual que vén facendo cada ano desde entón, trasládase á terra natal do escritor para levar a cabo nela diversas iniciativas que axuden a lembrar a importancia que ese persoeiro tivo na loita mundial pola legalización da eutanasia.

Hoxe, está previsto que empecen a chegar a partir das seis da tarde os participantes nun encontro que durará tres días, ata o domingo. Ás dez da noite, os asistentes coincidirán nunha cea.

O groso das actividades desenvolverase mañá. Na casa da cultura da vila sonense, inaugurarase ás 12.00 horas unha exposición con material sobre a vida e a obra de Ramón Sampedro Cameán. A mostra poderá ser visitada polo público en xeral a partir das catro e media da tarde e ata que rematen os actos programados.

Logo dun xantar, os participantes nesta xornada volverán a xuntarse mañá, ás cinco do serán, no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.

Coloquio

Neste escenario, terá lugar unha mesa redonda que leva por título El derecho a morir , na que intervirán seis expertos máis un moderador. Esta última función correrá a cargo de Elías Pérez Sánchez, profesor de Filosofía e Ética en Lugo.

Os invitados a dar a súa visión sobre ese tema son o escritor e director da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello; o sociólogo da Universidade da Coruña José Gabriel Vázquez; a profesora de Filosofía do Dereito Ascensión Cambrón; a catedrática de Ética Esperanza Guisán Seijas; o médico de coidados paliativos e presidente da Federación Nacional de Asociaciones Pro Muerte Digna, Fernando Marín Olaia; e Jacqueline Jencquel, membro de DMD Francia.

Antes de que todos eles expoñan as súas posturas, haberá unha presentación institucional.

Neste caso, os que falarán son a presidenta de DMD Galicia, Carmen Vázquez; o alcalde do municipio, Manuel Tomé Piñeiro; un familiar de Ramón Sampedro; unha compoñente de DMD Cataluña e amiga persoal do tetrapléxico sonense, Gené Gordo; e Jacqueline Herremans, máxima responsable da World Federation Right to Die Societes.

Ao remate do coloquio, os asistentes celebrarán unha cea.

Homenaxe

O programa de actos conmemorativos chegará á súa fin o domingo, na praia das Furnas, na parroquia de Xuño, onde se levará a cabo a xa tradicional ofrenda floral en memoria de Ramón Sampedro Cameán. Os asistentes tamén lerán textos dos libros que escribiu. Esta homenaxe comezará á unha e media da tarde.

Os organizadores de todas estas iniciativas fan un chamamento aos veciños do municipio e doutros lugares de España para que se animen a apoiar coa súa presenza os actos en lembranza de Sampedro no décimo aniversario da súa morte.