«En vez de premiarnos por manter o litoral libre de construcións, castígannos con estas plantas»

José Miguel Río

BARBANZA

03 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Manoel Santos é o máximo responsable da Plataforma Medioambiental de Corrubedo que convoca, xunto a Adega e outros colectivos en defensa do patrimonio cultural de Quilmas e do litoral de Seráns e a comisión de propietarios de Laxe Brava, a marcha en contra do plan acuícola da Xunta.

-¿Que valoración fai da tramitación deste proxecto?

-Foi aprobado polo Consello da Xunta integrado por membros do PP en campaña electoral. Hai uns meses o retomou o novo executivo galego. O bipartito asumiu o que fixeron os populares cambiando algunhas ubicacións e aumentando a superficie. É una plan feito a medias por Fraga e Touriño.

-¿Pensa que hai algo escuro detrás desta iniciativa?

-Agasallan co mellor da nosa costa a tres multinacionais, despois de expropiar forzosamente terreos como Laxe Brava. O problema non son as piscifactorías, pois non temos nada en contra, senón as súas monstruosas dimensións, que en países como Noruega están prohibidas. Nas 9.300 hectáreas do Lugar de Interese Comunitario de Corrubedo, do Castro de Baroña á Illa de Sálvora, ocuparán medio millón de metros cadrados.

-Vostedes falan dos verquidos de residuos ao mar.

-No plan non se prevé ningunha depuración, polo que milleiros de toneladas de metros cúbicos de augas con antibióticos, pensos, deterxentes e outros produtos contaminantes irán ao mar sen tratar. Augas de Galicia non dou permisos para verter e non llelos concederá ao non depurar. Ademais de contaminación, o impacto paisaxístico será brutal. Por corazón, deberían conservar esta zona.

-¿Cómo cualificarían as pretensión de Pesca?

-En vez de premiarnos por manter o litoral libre de construcións, castígannos con estas plantas de formigón armado. A piscifactoría de Quilmas será dez veces máis grande que o pobo do lado, Merexo. O plan fai unha proporcionalidade da produción e a cifra de empregados, pero non é tal. Unha pedra de Aguiño da máis postos de traballo que esas fábricas.