Nos vindeiros días levaranse a cabo na vila unhas xornadas de xogos tradicionais, concertos e torneos
NOIa | Baixo o paraugas léxico Noia ten un aquel, os veciños da vila terán a oportunidade de tomarse unha boa dose de diversión ao longo do mes que acaba de empezar. Así se chama o programa de actividades dado a coñecer onte pola concelleira de Cultura, Loli Caramés Hermo; no que música, teatro, deportes, artes plásticas e xogos estreitan lazos.
O artista local Ismael Teira deseñou o cartel no que se invita a veciños e visitantes a non perderse ningunha das iniciativas organizadas para encher os momentos libres de ocupacións que lles poidan xurdir durante o principal mes da tempada estival.
A recuperación de vellos costumes constitúe un dos alicerces do programa do Concello noiés.
Abonda para comprobalo con botar unha ollada aos tres primeiros sábados deste mes, nos que se desenrolarán as Xornadas de Xogos Tradicionais, a partir das once da mañá.
O escenario elixido para esta actividade é o paseo da alameda, no que monitores de tempo libre se ocuparán de coordinar aos participantes, que poderán probar as súas destrezas co salto de corda e coas carreiras de sacos, entre outras moitas opcións.
Os afeccionados aos deportes están de noraboa porque para eles o entretemento comeza xa mañá, cun torneo de baloncesto, voleibol e fútbol sala que se disputará ata o domingo no pavillón Alonso Rodríguez.
Tampouco os amantes da música poden queixarse. De entrada, teñen este sábado o sétimo Encontro de Habaneras que se celebra na igrexa de San Martiño, ás nove da noite, no que participarán as corais Polifónica e Liceo de Noia, Ecos de Chamorro de Ferrol e a de San Xoán de Serres, de Outes.
A maiores, a banda municipal de música tocará este domingo e o día 19 na alameda, ás 20.00 horas.
Proxeccións
Nada mellor que a tempada estival para ver unha boa longametraxe ao aire libre. Dúas serán as ocasións nas que noieses e forasteiros poderán empaparse da maxia da sétima arte. A película Volver, de Pedro Almodóvar, exhibirase o vindeiro martes na praza do Tapal, ás dez e media da noite.
O 16, os espectadores que se congreguen nese mesmo espazo verán a segunda entrega do filme Piratas del Caribe.
Tamén as rúas do casco vello servirán de improvisado escenario para actuacións de teatro, como a que a compañía Os Quinquilláns ofrecerá o 17, coa peza titulada A noite.
Peregrinación
O programa Noia ten un aquel inclúe tamén outras iniciativas singulares, como a recepción no peirao do Marqués que terá lugar o próximo mércores, na que as autoridades municipais darán a benvida a 30 remeiros da localidade vasca de Orio que elixiron Noia como última escala marítima da súa peregrinación polo Camiño de Santiago.
Por outra banda, convén destacar a Mostra de Pintores e Músicos Noveis que se celebrará o 16 na praza do Tapal, na que os primeiros poderán aportar cadros para unha exposición, mentres que os segundos terán oportunidade, se o desexan, de tocar composicións en directo. Aparte, Pepe Caballero, Nacho Bahamonde e Emilio Mariño exporán as súas obras en Noia durante este mes.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios