A «Pereka» gaña a Regata do Bao, seguida da «Xarandeira»

vilagarcía / la voz

AROUSA

14 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A fin de semana con maior número de festas do ano en Galicia restoulle onte afluencia á Regata do Bao, que celebrou a súa vixésimo terceira edición con 34 dornas a vela chegadas tan só da banda sur da ría de Arousa. A organizadora da cita, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa, foi a clara dominadora, co barco gañador, a Pereka de Dorado e de Chica, e con catro dos cinco primeiros clasificados.

Coa espectacularidade de contar cunha saída en terra e coas dornas sen aparellar, os competidores tiveron que cubrir dúas voltas a un circuito fixado diante da praia do Bao. Un trazado que axilizou a finalización da proba, coa axuda dunhas condicións atmosféricas moi favorables. O vento de terra algo rolón dirección noroeste-suroeste marcou a pauta de navegación.

A Pereka impúxose na liña de meta por diante da Xarandeira de Santi e de Pimon, da tamén asociación illense Fasquía. A Josefa, de Ricardo e de Carterola, a Cariñosa, de Víctor e de Checo, e A Rona, de Daniel e de Lucía, foron terceira, cuarta e quinta.