Camiña seguirá un ano máis á fronte da directiva do Vilalonga, reconvertida xa en xestora
AROUSA
O presidente dá por feita a continuidade de Gabi Leis
22 jun 2011 . Actualizado a las 12:45 h.O último nubarrón no fútbol da Terceira e da Preferente arousá disipouse na noite do pasado luns. A directiva de Jaime Camiña Estévez e o grupo de dez socios dispostos a comprometerse no funcionamento do club decidiron unirse para constituír unha xunta xestora que dirixirá os designios do Vilalonga durante os vindeiros doce meses, desterrando a ameaza da súa desaparición. Unha solución intermedia coa que se superaron as reticencias dunha e doutra parte. Por un lado, a do grupo de socios voluntarios de asumir a presidencia da entidade, que seguirá ostentando Jaime Camiña. E do outro, a negativa do equipo deste último a continuar á fronte do club sen ningunha garantía de relevo, integrando dúas caras novas nos postos de responsabilidade: José Manuel Caneda, desde o luns tesoreiro do Vilalonga, e Gonzalo Santamaría, que pasa a ocupar o cargo de secretario. A xestora manterá mañá a súa primeira reunión de traballo para repartir as tarefas entre os seus integrantes.
Jaime Camiña manexábase onte entre a resignación -«Non queda máis remedio que seguir»- e a satisfacción por entender que por fin ten a materia prima para levar adiante «a miña idea», que non é outra que «durante a vindeira tempada esta nova xente -pais de futbolistas da base e fieis afeccionados aos partidos do primeiro plantel no Novo San Pedro- vaia collendo as rendas do club para que ao final do exercicio nós poidamos deixalo nas súas mans».
A xestora do Vilalonga terá que poñerse mans á obra de inmediato. Camiña comentaba onte que «nos queda un mes de traballo duro por diante», no que deberán confeccionar un novo plantel para a Terceira División -«Queremos manter a maioría dos xogadores da anterior tempada- e organizar a terceira festa gastronómica do club, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo e cuxos ingresos poderían servir para axudar a reducir os 20.000 euros de défice de partida da xestora.
Camiña daba onte por feita a renovación de Gabi Leis, que hai varias semanas amosaba a súa disposición a continuar no San Pedro. O que non repetirá no equipo celeste será Nano, que o luns lle comunicaba ao presidente a súa fichaxe polo Alondras.