«A Gonzalo Durán pásalle o que a Dinio coa noite; a democracia confúndeo»

s. gonzález, a. garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A nacionalista acusa ao rexedor de actuar cos veciños coma un señor feudal cos seus vasalos

12 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A experiencia é un grao, e Carmela Leiro atesoura xa catro anos de difícil oposición. O ambiente político e social no berce de Valle-Inclán, asegura, é nefasto baixo o puño de ferro do alcalde, Gonzalo Durán.

-¿Que aprendeu nestes catro anos?

-Foron catro anos de vivir en primeira persoa o que unha xa intuía. A experiencia de palpalo no día a día, pleno por pleno, foi tremenda. A ausencia de democracia é absoluta, non tes documentación previa ao pleno, nin sequera media hora antes, cando por exemplo tiñamos que abordar algo tan fundamental coma o plan urbanístico. A falta total de información impide que te pronuncies. É triste e penoso que así sexa imposible exercer a célula esencial da democracia, o voto. O segundo é a ausencia de igualdade. Cando nos presentaron a xunta de goberno, estaba composta exclusivamente polos varóns do PP. «¿E as mulleres?», preguntei. «Se me olvidaron», respondeu Durán. O pleno está espido de competencias ao máximo, e no órgano de decisión non hai mulleres. Chegoume a dicir que porque eu era muller, que se non...

-¿Díxolle iso o alcalde?

-Díxomo nun pleno, cando eu alí non me represento a min mesma, nin como muller nin como persoa, senón a uns centos de veciños e a uns centos de mulleres. Ese tipo de expresións, na boca dun señor alcalde que presume de título universitario, son inadmisibles.

-Ás veces dá a impresión de que Vilanova vive no seu propio tempo.

-Para situarvos. En xullo do 2009, o goberno quere renovar o inventario de bens municipais, e non se lles ocorre outra que reflectir nel todos os montes veciñais en man común. Quixeron quitarlle os montes veciñais aos habitantes das parroquias. Algo que lle contas á xente do sector forestal e parece que contas unha película. Presidía a comisión informativa, na que non había información ningunha, o señor Julio Varela, e di que foi unha empresa de Santiago, e que aos veciños non lles importaban os terreos porque no ían facer eólicos. ¿Que se cocía? Só había un mes de prazo para alegar, e chegaba agosto, as vacacións. Cando se decatasen, as comunidades terían que recorrer aos tribunais. Así funcionan, ¡e o xustificaban cunha lei de 1957 cando o propio Estado franquista recoñeceu en 1968 que as provincias galegas tiñan un modelo de propiedade comunal diferenciado! Se non prosperou foi porque fomos comunidade a comunidade advertíndolles o que lles viña enriba.

-¿Que faría antes de nada na alcaldía?

-A Gonzalo Durán pásalle o que ao Dinio aquel coa noite; a democracia confúndeo. O primeiro sería recuperar a democracia real, o trato aos veciños dende o respecto. Apoiar a formación nos sectores produtivos e no emprendemento, promover o uso de parcelas e naves industriais que están paralizadas, o saneamento que reborda polos camiños... Este home fíxose en Pontearnelas unha foto vestido de señor feudal. Así é como actúa, coma se os veciños fosen os seus vasalos.

carmela alfonso candidata do bng en vilanova