«Nada de grandes edificios, aquí respectamos a nosa identidade»

s. gonzález, a. garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Logo de tres mandatos, Pérez defende o trato persoal como valor político

04 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Luis Pérez Estévez

26 de outubro de 1952, en Marcón

Delineante

Casado, ten dous fillos

Tenente de alcalde polo PP entre 1995 e 1999. Dende entón desempeña a alcaldía

Os vestíbulos dalgunhas alcaldías teñen un aquel coas salas de espera dos ambulatorios. A xente agarda pacientemente a que chegue a súa quenda para explicar un problema diante da persoa que, cando menos dende o seu punto de vista, ten a autoridade precisa para solucionalo. Meis é un destes casos. Falar con José Luís Pérez Estévez require unha prudente espera entre a consulta de dous veciños. O rexedor argumenta que é precisamente neste feito no que reside boa parte do éxito dun xestor municipal. «O trato persoal -sostén- é fundamental, a xente ten que comprobar que tes interese; se es superficial ou hipócrita sempre o notan».

-Meis foi tradicionalmente un concello con escasos servizos. Hai anos non había recollida de lixo. ¿Como se atopa agora?

-Daquela, e falamos de 1999, cando eu collín a alcaldía, é certo que non existía un servizo tan elemental. As comunidades de montes eran as propietarias dos terreos precisos para crear vertedoiros e logo ilos rexenerando, porque hai que lembrar que non existía aínda a ecoplanta de Ribadumia. Non houbo maneira de solucionalo entón, pero ese factor ao cabo facilitounos as cousas, porque coa empacadora puidemos poñer en marcha a recollida sen necesidade deses espazos de vertidos. Meis ten 54 quilómetros cadrados, que fan por dúas Ribadumias ou tres Meaños, e iso loxicamente supón unha dificultade. Pero nestes anos as cousas avanzaron enormemente. Temos once depuradoras e unha rede de saneamento de 54 quilómetros. Aínda non é total, pero podemos estar nun 70% e agardamos chegar ao 100% nos vindeiros catro anos.

-O BNG di que esas depuradoras non están funcionando.

-Só ao BNG se lle pode ocorrer dicir que poñemos depuradoras para que non funcionen. Iso é absurdo. O que sucede é que isto é un proceso que leva un tempo. Por algún punto temos que comezar, que pode ser a instalación das depuradoras, e continuar coa extensión das redes, porque sen enganches, loxicamente, as depuradoras non fan o seu servizo. Mesmo hai retrasos polo subministro eléctrico. Pero imos camiñando na boa liña, e iso quere dicir que estamos facendo as cousas ben.

-Polo que di a relación coa oposición non debe de ser boa.

-Non, ao revés. Coñecémonos e a relación sempre foi boa. O que non compartimos é a maneira de facer política, e aí as diferenzas si que son substanciais. O meu orgullo é ser o alcalde de todos os veciños, non o alcalde do PP. Pero eles si que fan notar sempre que son das súas forzas. Mentres o noso equipo traballa polas persoas, pensando nos veciños, no seu futuro e no seu benestar, hai outros que só aparecen cada catro anos e de súpeto saltan á palestra para pedir votos. O que se precisa é unha oposición seria e responsable, con ideas, e iso é o que Meis non ten. A xente debería pensar, e falo agora en xeral, que se apoia cos seus votos a políticos do momento, que só pensan nos votos, vai ser moi difícil cambiar as cousas e recuperar a forma nobre de facer política.

-Xa sen independentes, as súas contrincantes, no PSOE e no BNG, son mulleres. ¿Como valora este feito?

-Creo que é moi bo que as mulleres se incorporen á política. Tamén sucede no noso partido. Non debería chocarnos tanto porque as mulleres son moi válidas, e se están aí é por merecementos propios.

-¿Como están levando, por certo, a crise do ladrillo?

-Non tivemos o baixón doutros concellos porque aquí, no momento de máxima especulación, o ritmo seguiu sendo o mesmo. Os cartos corrían, pero nós tiñamos unha idea moi clara, facer as cousas onde hai que facelas, planificando, respectando os nosos sinais de identidade e o noso modelo. Non queremos parecernos a ningún lugar, e nada de grandes edificios. Para vivir nun piso sobran sitios.

-¿E a sentenza do polígono? Iso si debeu ser duro...

-Non temos nada que ver. Ao revés, o noso polígono figura no PXOM, o único que hai que facer é desenvolvelo, e temos augas e servizos garantidos. Estamos falando con catro grandes empresas, unha delas a antiga Impress, e hai a posibilidade dunha planta de biomasa.

josé Luís Pérez Estévez alcalde de meis e candidato á reelección polo pp