Os campións do mundo Ferro e Graña abandonan o P. A Illa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

05 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Club Piragüismo Illa de Arousa quedou esta semana orfo dos seus dous únicos campións do mundo e de Europa. O illense Ramón Ferro comunicoulle o pasado luns ao director técnico do equipo arousán e adestrador da parella, Arturo Paz, a súa decisión de seguir o seu compañeiro de C-2 Óscar Graña no seu paso ao Kayak Tudense.

A decisión dos grandes triunfadores da última cita mundialista de maratón, en setembro do 2010, obedece aos desencontros irreconciliables que desde hai tempo mantiñan Graña e Paz, o preparador que acompañou a parella campioa desde o comezo da súa relación deportiva, hai nove anos, e copartícipe das nove medallas internacionais colleitadas por Ferro e Graña nese tempo. Un título (2010), dous subcampionatos e tres bronces a nivel mundial, e un ouro (2009) e dúas pratas a nivel continental.

O propio Ferro explicaba onte que o motivo da súa marcha «é que o meu compañeiro Óscar non ten boa relación con Arturo. É algo que xa ven de dúas tempadas para acá. Para poder seguir remando con Óscar en todas as regatas decidín acompañalo».

Ramón di que podería seguir competindo a nivel internacional con Graña aínda estando ambos en clubs diferentes, como facían ata que hai uns catro anos este último deixou o Ciudad de Pontevedra para fichar polo P. A Illa. Pero Ferro sinala que «desde que remamos xuntos todas as probas, fumos a mellor».

Ferro amósase disgustado por marchar, «porque o A Illa é o club da miña vida, no que comecei hai 23 anos». E deixa aberta a porta a voltar algún día, ademais de pretender, coma socio do club arousán, seguir adestrándose a maioría dos días da semana nas súas instalacións.

Arturo Paz corroborou as causas da marcha de Ferro e de Graña. Claro que puntualiza que foi el quen non quixo seguir adestrando a Graña, e eludindo calquera polémica, zanxou a cuestión manifestando que o desenlace «é o mellor para todos».

O preparador agardaba que Ferro «tomase outra decisión. Pero é maiorciño». De aí que quizais o que máis lle molestase é que con Ferro e con Graña se vaia tamén do club o internacional sub 23 Juan Ramón Bayón.