O Céltiga explota o calendario para iniciar a súa remontada con tres vitorias consecutivas

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

12 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O nerviosismo desapareceu o domingo practicamente das gradas do Salvador Otero. As dúbidas xurdidas a raíz da falta dunha vitoria tras as catro primeiras xornadas de Liga semellan esquecidas logo de ver o Céltiga asinar o seu terceiro triunfo consecutivo, co Porriño coma última vítima (2-0).

O adestrador do cadro illense, José María Rial, quixo centrar a cuestión, salientando que «temos que mellorar aínda moito», e limitando o encadeamento de resultados en positivo a unha cuestión circunstancial máis ca de fondo: «Non hai que sacar o peito polas tres vitorias», como «tampouco antes había que preocuparse por non gañar nas catro primeiras xornadas».

O certo é que os tres triunfos do Céltiga tiveron coma coprotagonistas a tres dos cinco equipos máis frouxos neste arrinque de campionato. O Ribadumia, cuarto pola cola da clasificación (3-0), o A Peroxa, pechacancelas (2-3), e o Porriño, decimosexto na táboa (2-0). Esta semana, o Cambados agarda en Burgáns situado na antepenúltima praza.

Sobre o encontro co Porriño, Rial considera que «tiñamos que ter matado o partido xa na primeira parte», ao tempo que aproveitou para criticar a expulsión de Beni, porque «o segundo cartón que lle sacan é por unha falta que nin sequera fai el».