Estas instalacións son unha ruína

AROUSA

Humidade, material oxidado, un hangar saturado de piraguas entre as que case non se da andado... É o lugar de traballo das Torres, cinco veces campión da Liga Nacional

31 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un continuo bulir de rapaces sen idade para conducir agardaba na tarde de onte o presidente da Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) ás portas da nave que serve de entrada ás instalacións do Club de Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga. Esperando por Fredi Bea estaban o presidente catoirense, Andrés Castaño, e o corpo técnico do equipo co seu director deportivo, Manuel Isorna, á fronte. Dous homes, Castaño e Isorna, tras os que se agocha o espectacular crecemento do club, que en cuestión duns quince anos -fundouse en 1977- pasou dunha escasa ducia de palistas a superar hoxe amplamente a centena de licenzas e convertirse no club máis laureado da historia da Liga Nacional de Piragüismo tras encadear cinco títulos entre os anos 2003 e 2007.

Isorna e Castaño presenciaron desde dentro como a antiga fábrica que hoxe alberga o As Torres se ía quedando pequena e, sobre todo, obsoleta aínda pese ao apoio do Concello de Catoira nas sucesivas ampliacións e parches acometidos cos anos. Algúns, como a construción do hangar onde se gardan as piraguas, cos cartos e o traballo da propia directiva e corpo técnico.

Pero máis aló da falta de espazo, o que onte puido comprobar cos seus propios ollos o presidente da Fegapi foi o vergoñento estado de conservación do contido e do continente da sede das Torres. E iso que o club limpara para a visita, subliñou Isorna.

«Isto chorrea auga», foi o primeiro que lle dixo o director deportivo a Bea nada máis entrar nun ximnasio pragado de humidade e cun equipamento destrozado polo uso, pero tamén polo óxido xerado pola falta dun bo illamento. Iso, sen contar cun chan desnivelado, que obriga a colocar tacos baixo os aparellos de musculación para que os rapaces non se adestren balanceándose.

A humidade corre coma un regueiro de pólvora por todo o lateral esquerdo da sede do club, estendéndose polos vestiarios contiguos nos que se poden ver grosos taboleiros de madeira manchados pola auga que, volta a explicar Isorna, «cae dentro cada vez que chove». A falta dun bo número de azulexos na zona das duchas é outro dos efectos colaterais da auga que se atopan os piragüistas catoirenses cando deixan de adestrarse e buscan refuxio e un lugar onde poder voltar a vestirse de rúa.

Visto o visto, Fredi Bea, que nunca estivera no edificio, comentou que «esta non é unha instalación nin dun club de elite, nin do século XXI», e se ben di que «en Galicia hai outros clubs que están peor, non teñen os resultados do Catoira, con cinco Ligas Nacionais gañadas».

O presidente da Fegapi incluirá o informe das Torres no dosier que en breve comezará a elaborar a Federación con todas as deficiencias dos clubs galegos, e que trasladará posteriormente á Xunta e ás deputacións para que tomen cartas no asunto.