Turismo e cascos históricos: unha oportunidade desaproveitada

Javier Montero

AROUSA

O escenario urbano convértese nun deses espazos adulterados, falsos, prescindibles

28 mar 2010 . Actualizado a las 03:00 h.

A estas alturas supoño que xa ninguen dubida de que o patrimonio construido e os centros históricos configúranse coma un recurso turístico de primeira magnitude. Moito se ten escrito sobre o tema, estudios hai dabondo, algúns incluso chegan a cuantificar o que isto representa con respecto ao PIB. Non imos a entrar en fonduras, chega con baixar á rúa para acadar unha percepción do que realmente temos. Porque unha cousa é o que lemos nos folletos turísticos, onde semella que todas as vilas conservan un centro histórico e gozan dun microclima especial, e outra moi distinta a realidade visible e tanxible, sobre todo se a comparamos coas paisaxes urbanas doutras latitudes. Non nos enganemos, non hai rentabilización sen unha axeitada e razoable -pero tamén esixente- conservación. Nisto do patrimonio non chega con saber vender senón que ademáis hai que ter.

En Galicia hai aproximadamente trinta Áreas de Rehabilitación, a maioría situadas en centros históricos coa categoría de Ben de Interese Cultural.

Agora multipliquen por todas as Comunidades Autónomas e sumen as que hai no resto de Europa, incluido o outro estado peninsular, cuns cascos case sempre mellor conservados que os nosos. Así que neste contexto económico cada vez máis globalizado o turismo representa unha clara oportunidade pero tamén é un mundo tremendamente esixente e competitivo.

Non chega, xa que logo, con conservar uns cuantos monumentos -o do microclima xa é máis discutible-, nin sequera unha lingua, unha gastronomía, unhas costumes e tradicións propias e singulares, nin tampouco varios museos e centros de interpretación. O viaxeiro busca orixinalidade, autenticidade, un lugar insólito e diferente, unha experiencia que o arrede da súa rutina de horarios, atascos e formigón armado. Por iso é cada vez máis esixente, porque sobran camiños que percorrer e lugares fermosos para comparar.

Rigor e detalle

Así que se non queremos vender fume, as políticas de renovación urbana deben ser ante todo rigorosas, abranguendo do xeral ao particular, todas as escalas, porque é a pequena escala, os pequenos detalles, os que imprimen carácter e atesouran singularidades. Un balcón, unha galería -de madeira ou formigón-, o debuxo dunha porta, as cores das carpintarías, a textura dun muro, son rasgos únicos e irrepetibles; e sumados fan conxunto, ambiente, un paseo rico e memorable.

Agora eliminen todos esos detalles. Probemos con calquera casa do noso casco. Nin sequera fai falta que sexa de pedra, hoxe sobrevalorada por culpa dunha epidemia chamada pedritis . Comecemos pola fachada: o antigo revoco de cal ou o enfoscado de cemento pintado -tan digno como calquera outra cousa- ocultámolo cun deses homoxénizadores aplacados de granito -de chapas, para entendernos-todos iguais, coas correspondentes molduras de fabricación estandarizada, algunhas dun barroquismo delirante e pastichero. As medianeiras -Galicia é un país de medianeiras- cubrímolas de planchas onduladas de fibrocemento, uralitas, como se estas se inventasen para ser vistas. As tradicionais ventás enrasadas no plano exterior da fachada, de duas follas batientes, pintadas con preciosas cores, ás que, por certo, se lle pode engadir outra ventá cara dentro para obter as necesarias condicións de illamento térmico e acústico; as nosas ventás de hoxe e de sempre cambiámolas por esas outras que causan furor, as de cor kk , de alumiño ou pvc, que pretenden imitar á madeira, como se os materiais puidesen imitarse uns aos outros. Como veñen nun monoblock a persiana queda por fora, rompendo no exterior esa relación limpa é perfecta entre macizo e oco, entre muro e ventás: toda a fachada se enche de persianas, de plástico ou alumiño, que se engaden ao correspondente canlón de pvc ou de alumiño imitando cobre, que novamente non é nin unha cousa nin a outra. Para rematar, podemos cambiar os antigos balcóns de fundición, case sempre restaurables, por novos modelos de alumiño, ás veces imitando ou esaxerando decoracións supostamente tradicionais. E poderiamos engadir moitas outras cousas que non caben nesta crónica.

Ao final ao tempo que convertemos bos exemplos da nosa arquitectura máis xenuína e auténtica en vulgares adosados cortados por un mesmo patrón, o noso casco vai pouco a pouco perdendo significación ata converterse nunha caricatura do que foi.

A pouco que viaxemos e coñezamos o que hai noutras vilas europeas, nos daremos conta de que estamos rodeados de uralitas , plásticos, cores chirriantes ou relambidas, persianas, monótonas chapas de pedra, molduras en serie, falsificacións, imitacións pasticheras.

En definitiva, o escenario que tratamos de vender se empobrece, perde valor urbanístico, estético, ambiental, e deixa de xogar na segunda división -a primeira supoño que son as cidades patrimonio da humanidade-, para engrosar esa longa lista de cascos históricos descafeinados, letalmente falsos, prescindibles. Nas nosas mans está buscar a excelencia, aproveitar as potencialidades que aínda temos para que os nosos centros urbanos representen realmente unha marca turística orixinal e de calidade. Nas mans de todos está tentar xogar na liga das estrelas ou conformarnos con competir en terceira rexional. E, ademáis, perder o partido....