O Instituto Galego de Estatística enquisa as condicións de vida das familias na capital arousá
AROUSA
En breve, varias familias de Vilagarcía recibirán unha carta nos seus domicilios. Esta misiva informaralles sobre a sondaxe que o Instituto Galego de Estatística prevé estender á capital arousá co obxecto de coñecer as condicións de vida das familias galegas.
O traballo do IGE prevé ampliar as enquisas a un total de 10.240 vivendas espalladas por todo o territorio galego, algunhas das cales corresponden a Vilagarcía. O persoal do instituto iniciou o luns o seu desenvolvemento na cidade, labor que se prolongará ata o vindeiro 16 de maio. Segundo informa o ente autonómico, a Enquisa de condicións de vida das familias é unha investigación de carácter oficial cuxo obxectivo principal é reflectir as condicións de vida das familias galegas en relación con diversas variables, como o nivel de estudios, ingresos ou gastos do fogar.
As vivendas, seleccionadas de forma aleatoria, recibirán unha carta na que se lles comunica a obriga de facilitar eses datos, segundo establece a Lei de Estatística de Galicia, que tamén marca a absoluta confidencialidade da información proporcionada. En todo caso, pode obterse máis información no número gratuíto 900 102 104.