Os Strykkers en problemas

AROUSA

Levar o pelo longo e tocar nunha banda de rock non debía de ser cousa doada na Vilagarcía de finais dos 60

14 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As cousas teñen evolucionado moito nos últimos anos. Hoxe en día conseguir instrumentos, un local de ensaio e gravar un cd está na man de calquera grupo de chavales a pouco que se empeñen no tema. Mais non hai demasiado tempo facerse cunha simple guitarra con pastilla, unha caixa e un charles significaba pouco menos que tocar o ceo musical. Se o reloxo se remonta corenta anos, daremos co nacemento dos Strykkers, se cadra a primeira banda puramente rock xurdida nos movidos 60 en Vilagarcía.

Os Strykkers creáronse entre os anos 68 e 69. Aínda que ao comezo Jorge Costa se fixo cargo das seis cordas, e mesmo Manolo Coello facía os seus pinitos co micro, a formación axiña se estabilizou con catro membros: José Manuel Bazarra (guitarra rítmica e voz), Paco Mariño (baixo), José Carlos Callón (guitarra solista) e Juan Galindo (batería). Nunha época na que mozos e mozas se procuraban uns aos outros no paseo entre Vista Alegre e a Alameda, aos nosos músicos o que lles ía eran os sons británicos. As versións dos Beatles e dos Stones, unidas a unha estética revolucionaria para o momento que respiraba a capital arousá, fixeron deles un grupo extremo a ollos da sociedade bempensante.

«Simplemente llevar el pelo largo te condenaba ya a una verdadera persecución, te llamaban de todo, andar con pantalones de campana era casi un escándalo», lembra Paco Mariño. Naquelas circunstancias, militar nunha banda de rock constituía un exercicio de auténtica vocación. Porque as cousas aos poucos foron consolidándose, e os Strykkers, afianzados xa no dominio dos seus instrumentos, comezaron a ser demandados para actuar en clubs e verbenas. «Pero lo malo es que alquilar la amplificación costaba más de lo que cobrábamos, muchas veces tocamos lo comido por lo servido, prácticamente por el desplazamiento y el bocadillo», subliña o baixista.

A súa andaina rematou a mediados dos 70. Mais a música daquel tempo terá axiña unha nova oportunidade de soar en directo. Mesturados con dous membros doutra formación, Generación 70, os Strykkers son unha das bandas que descargará no auditorio o vindeiro 4 de decembro no festival Cunha pequena axuda dos meus amigos . O evento segue a xerar unha notable expectación, que pode rastrexarse no blog www.blogoteca.com/ofaiadoda memoria/.