Un proxecto con vistas a Río de Janeiro 2016, con Ero Pons e Bernardo Paz iniciando carreira na clase Finn

La Voz

AROUSA

Cando Antón Paz anunciou o mes pasado o seu salto da clase Tornado á 49er forzado pola supresión da primeira do programa olímpico, o seu novo horizonte non debuxou a data do 2012, senón a do 2016. E esa mesma data é á que recorre Paz para sinalar a posible eclosión do ambicioso proxecto do Liceo Casino de ir polo bo camiño.

A día de hoxe Bruno Gago e César Conde son os vilagarciáns co traballo máis avanzado, tras unha tempada traballando na clase 470 en Santander xunto co equipo preolímpico español, se ben non como integrantes do mesmo ao ser a quinta tripulación no ránking nacional.

Con Carlos e Antón Paz familiarizándose desde hai escasos meses co 49er, outros dous regatistas arousáns dan os seus primeiros pasos en clase olímpica. En ambos os dous casos, na clase Finn, dun único tripulante.

Ero, no Campionato de España

Bernardo Paz vén de mercar un barco da clase, e en breve comezará a adaptarse a el. Ero Pons, pola contra, xa leva medio ano de preparación en Finn, con dúas grandes regatas ás costas.

Tan só unha semana despois de mercar a súa nova nave, Pons competíu en Cádiz, para participar en abril no Princesa Sofía. Os seus resultados colocárono na quinta praza do ránking nacional, e desde mañá e ata o domingo participará no Campionato de España na Manga del Mar Menor, en Murcia.

Campión galego en todas as clases polas que pasou, Optimist, Cadete, 420, Platú 25 e Cruceiro, aos seus 23 anos Ero buscou na Finn a modalidade que mellor se adapta a un navegante de envergadura grande coma el. Ante o dominio incontestable do andaluz Rafael Trujillo, prata en Atenas 2004 e con corda ata o 2012, Pons pensa como os Paz en Río 2016.