Rubiáns preparará carneiro e empanada para 2.500 persoas

AROUSA

A segunda edición desta feira levarase a cabo os días 8 e 9 de agosto

29 jul 2009 . Actualizado a las 13:07 h.

Rubiáns vivirá a fin de semana do 8 e o 9 de agosto a segunda edición da súa festa do carneiro. O ano pasado foron setecentos os que se animaron a probar os pratos pero para esta ocasión o reto non é outro que o de bater todos os rexistros e elevar o nivel. Se todo sae segundo o previsto, fará un tempo agradable e arredor de 2.500 persoas estarán servidas.

A aposta é forte pero todo apunta a que a cita ben o merece. A asociación veciñal e cultural O Souto será a que poña a ilusión e a man de obra. As concellarías de Turismo e Cultura respaldan o proxecto e a alameda situada ante o centro sociocultural actuará como escenario dunha festa gastronómica que vai camiño de ser un referente.

Para que isto sexa posible, o colectivo veciñal de Rubiáns puxo en marcha unha ampla campaña de promoción en Vilagarcía e na súa área de influencia pero tamén no Barbanza e na Estrada.

O obxectivo é o de recuperar a tradición. Fai catro décadas o habitual era ir a comer o carneiro aos bares. Agora, o costume volta con forza e o menú é completo, no senso máis amplo do concepto.

Un menú a 9 euros

Os que se acheguen a Rubiáns poderán degustar o menú da festa por nove euros. Contén unha ración de empanada, outra de carneiro asado con guarnición, pan, postre e café. O que non se inclúe é a bebida, ainda que haberá albariño, mencía e tinto país, ademais de refrescos, auga e outras bebidas para todos os públicos.

Calcúlanse máis de 600 empanadas -para catro racións-, uns 675 quilos de carneiro e inxentes cantidades de patacas e verduras para acompañar ao prato principal.

Nos soportais do centro sociocultural instalarase o forno industrial que preparará o carneiro. Ten capacidade dabondo para quitar 78 racións cada tres minutos, así que non semella que poida haber demasiados problemas de intendencia.

Os horarios de apertura da cociña serán de 12.30 a 17 horas o sábado día 8 e de 12 a 17 o domingo 9. Outra das novidades é que será posible cear. Desde as 19 horas ata as 23 horas o sábado e ata as 22.30 o domingo.

Ademais da parte culinaria haberá protagonismo musical. O sábado tocará a charanga Vaite Xa, acompañada do grupo de gaitas de Rubiáns. Para o domingo, o protagonismo recaerá nos Jalácticos de Marín e repetirán os gaiteiros.