«O meu reto é chegar a clasificarme algún día para o Mundial de Ironmen»

AROUSA

Aos seus 34 anos este cambadés dedica ao deporte de alta resistencia o tempo libre que lle deixa a súa viñoteca, na que se converteu nun dos mellores sumilleres de Galicia

20 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Deporte e viño son dous espazos interseccionados na vida do cambadés José Luis Aragunde. Dous mundos que encauzan as inquedanzas, as aspiracións e as necesidades de vivir a vida dun deses veciños anónimos que ás veces aparecen nas páxinas dos xornais sen pretendelo.

Profesor de educación física nun instituto vigués de secundaria, aos seus 34 anos José Luis Aragunde é xa un nome que pode resultar familiar entre os lectores de periódicos da zona. Porque poucos son os arousáns que teñen participado nunha proba de Ironmen (homes de ferro en inglés) e completar os seus case 4 quilómetros a nado, 180 en bicicleta e os 42 da maratón a pé cos que remata o percorrido dunha das modalidades deportivas máis esixentes do planeta. Tampouco son moitos os que na bisbarra rexentan unha viñoteca. Como Ribeira de Fefiñáns, na que Aragunde manexa 400 referencias, con alomenos unha de cada unha das mellores zonas produtoras dos cinco continentes. Afección e traballo fúndense no padal deste veciño da vila do albariño, que sen máis formación na materia ca nacida da aprendizaxe e da cata, acumula tamén no seu currículum vitae varios premios en concursos de sumiller. Por algo é secretario de Gallaecia, a maior asociación de sumilleres deste lado do Padornelo.

«Tiven moita sorte», di José Luis á hora de resumir a súa vida. «Estou dando clases nun colexio da ESO dalgo que me gusta, o deporte, e teño un negocio que me gusta, nunha zona, Fefiñáns, que me gusta». E, ademais, está o Ironmen.

«Sempre me gustou facer deporte. E cando descubrín que había unha carreira universitaria sobre o deporte, tíveno claro». Así naceu o Aragunde profesor de educación física, e tamén a súa notable carreira coma deportista afeccionado. «De pequeno estiven na canteira do Juventud, e mesmo cheguei a xogar na Terceira. Era mediocentro. Pero o deixei pronto e dediqueime ao fútbol afeccionado. Hai cinco anos comecei a ir a carreiras populares, aínda que sen ningunha planificación. Pero hai tres anos, cun par de amigos, Ignacio Silva e David Martínez, decidín prepararme para participar no Ironmen de Lanzarote do 2007. Deixei o fútbol e prepareime con eles durante nove meses». A súa marca, 12 horas e 11 minutos, 13 minutos máis que a que hai cousa dun mes asinaba no mesmo escenario. Agora o seu vindeiro obxectivo é o Ironmen de Barcelona, en outubro, porque «isto engancha bastante». Alí agarda baixar en hora e media a súa marca, nun circuito «máis chan, e sen tanto vento coma en Lanzarote».

Adestramentos de cinco días á semana, de entre dúas e sete horas a xornada, son o camiño do cambadés para dar completado un triatlón de nada menos ca 226 quilómetros. Mais polo que di, aínda lle terá que apretar máis no futuro se algún día pretende acadar o seu soño. «O reto de todos os que practicamos isto é clasificarnos para Hawaii, o Campionato Mundial de Ironmen. En Lanzarote había 5 prazas en xogo para profesionais e 25 para os que non o eramos. Pero había uns 1.350 participantes, e só 300 eramos españois».

De todos os xeitos, «non me quero presionar, porque podo saturarme» e perder o pracer por un deporte que para el é ante todo un divertimento. Como o é participar no último Campionato Galego de Maratón, no que acabou quinto, ou na primeira Popular Ano Cabanillas, o pasado domingo, na que fixo un posto 21 do que está moi contento por ser máis un corredor de fondo -a proba era de 10.000 metros-.

«A moitos amigos deportistas sorpréndelles que traballe con viños e vaia a catas. Que beba viño dedicándome ao triatlón, que xa esixe unha certa dedicación». Aragunde demostra cos feitos que non hai problema ningún para compaxinar con éxito dous mundos tan dispares.

A súa relación co viño parte hai sete anos da apertura de Ribeira de Fefiñáns, pero as súas raíces esténdense á infancia de José Luis e á figura do seu avó, propietario da Taberna do Vago. A mesma que vén de pechar hai escasas semanas tras case 80 anos de historia no barrio de Fefiñáns. Nela aprendeu Aragunde a disfrutar do trato co cliente. «Gustábame ver como o meu avó falaba coa xente, e como compartía unha lata de anchoas con eles. Gústame ese trato directo. E creo que se me dá ben. Para min é un luxo que me apareza pola porta un cliente co seu peixe fresco, prepararllo e compartilo con el mentres charlamos».

Coas súas tardes na Taberna do Vago e no local mariñeiro que o seu tío Avelino tiña tamén en Fefiñáns coma escola, e tras pasar varios veráns traballando no sector da hostelería, Aragunde decidíuse hai sete anos a montar unha viñoteca en Cambados. «En Santiago e na Coruña descubrín o gusto polas viñotecas. Por un local onde con carta, no que non só atopar o típico rioxa, mencía ou albariño. Eu non sabía nada de viños, e un pouco antes de montar Ribeira de Fefiñáns comecei a ler revistas especializadas. Montei o negocio que quería montar, e que en Cambados facía falla». Despois, coa viñoteca xa en marcha, ampliei coñecementos a través de internet». O seu último módulo formativo comezou hai cinco anos, cando «un grupo de amigos decidimos reunirnos os xoves para probar cada vez un viño distinto».

Varios premios a nivel autonómico na modalidade de cata e a clasificación para concursos nacionais do prestixio de Madridfusión son a constatación das súas dotes de sumiller, labor para a que, subliña, nunca se formou profesionalmente. A súa ilusión, «gañar un título nacional importante». Iso si, «así coma no deporte me fai moita ilusión ir ao Mundial de Ironmen, nas catas non me fai tanta».