Conseguir a continuidade de Gabi Leis. Ese é, alomenos sobre o papel, o primeiro obxectivo da nova directiva do Vilalonga que encabeza o arquitecto Jaime Camiña, tras o traspaso de poderes feito o luns polo equipo do dimitido José Fernández. O novo responsable da área deportiva, Manuel Buezas, informou onte da súa intención de reunirse esta noite co adestrador «para presentarlle o noso proxecto deportivo», porque «queremos contar con el».
O proxecto que se lle ofrecerá a Leis está definido por un patrón de «austeridade», di Buezas, «cos condicionantes económicos supeditando a faceta deportiva».
Pendente de acabar de ordenar as contas, Buezas adiantou unha redución de arredor de 40.000 euros no vindeiro orzamento do Vilalonga. «O noso é un club humilde, pero con prestixio e unha imaxe de seriedade. Imos facer un equipo competitivo para manter a categoría», pero descartando grandes fichaxes e apostando «por incorporar xogadores da bisbarra» aos que se lles ofrecerá cobro puntual.
Asemblea o 21 de xuño
Noutra orde de cousas, a nova directiva fixou para o domingo 21 de xuño a asemblea xeral na que Jaime Camiña deberá ser refrendado pola masa social do club coma novo presidente do Vilalonga.