«Ensinámoslles aos homes a afrontar a crise económica cunha cociña creativa»

AROUSA

Unha trintena de alumnos comezaron na noite do pasado mércores o segundo curso de cociña para homes organizado polo Concello de Meis, cualificado de nivel medio. Coma o de iniciación, realizado o ano pasado, o curso está dirixido polo técnico en actividades hosteleiras Alfredo Gándara Pereira, que impartirá oito clases ata comezos do verán, a razón dunha por semana.

-¿En que vai consistir este segundo curso de cociña para homes?

-No curso do ano pasado impartimos técnicas culinarias básicas, para a transformación de verduras, de peixes, de carnes, de leguminosas e de arroces. Explicamos reaccións físicas e químicas. Cando botarlle o sal á carne, por exemplo. Lóxica culinaria e receitas base a partir das cales se poden elaborar outras. Este ano buscamos subir un pouco o nivel, con técnicas de maior complexidade, ensinando tamén como afrontar a crise económica cunha cociña creativa, pero accesible a calquera, fomentando ao mesmo tempo a igualdade entre xéneros en materia de labores domésticas.

-¿Como é o cociñiñas de Meis?

-Temos de todo, xente nova, de mediana idade e maior. É un alumnado moi motivado. Aínda cunha semifinal da Champions (Chelsea-Barcelona) a primeira clase estaba case chea.

-¿A quen lle recomendaría este curso?

-A aquela xente que estea interesada en aprender a cociñar con sentimento e con cariño, que sinta unha atracción polo mundo culinario.