Pedro Martínez, Jorge Suárez, Carlos Bao, Pepe Nores e Álex Pedrosa montan esta noite ás dez o seu Tenderete no restaurante vilanovés La Sirena, cun amplo repertorio de tangos que o quinteto vilagarcián leva pulindo desde que se xuntou hai un par de anos.
-¿Que fan uns vilagarciáns tocando tangos?
-A verdade é que é un pouco estraño. O certo é que o grupo naceu dunha noite de borracheira. Pedro, o cantante, coñecía moitos tangos, de cantalos en plan de coña con amigos nas sobremesas. Sempre foi un fan dos tangos, e propúxonos montar un grupo. Ensaiamos no garaxe do pai de Pepe, e tocamos en locais, pero non profesionalmente. Cada un segue no seu, un é economista, outro traballa para Renfe...
-¿E hai demanda deste tipo de música na zona?
-Montamos o grupo sen pensar na demanda, e vimos que dun tempo para acá os tangos están de moda.
-Imaxino que o seu soño, como o de todo grupo, será grabar un disco...
-Podemos grabar cando queiramos. Diego Basadre, o noso técnico de son e sexto membro, ten un estudio. De feito, temos un dvd con catro cancións e tres vídeos. Pero a nosa música mola máis en directo que nun disco. Levamos os nosos traxes, as nosas luces... e logo están as letras e a forma de comportarse de Pedro no escenario. Nós non imos deixar os nosos traballos pola música. Coa ducia de concertos que facemos ao ano estamos satisfeitos.