«Os cataláns teñen socavóns nas obras do Ave. Nós, nin iso temos»

A.G.

AROUSA

29 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Kiko Da Silva collémolo pintando -«agarda un intre que baixo da estada», di ao coller o teléfono- e moi ocupado. De presentación en presentación. Onte tocáballe amosar a súa «Retranca» aos cambadeses.

-Como vai a cousa?

-Os comezos sempre son moi complicados e por iso andamos con tantas presentacións. Queremos darlle publicidade á revista, que é algo que non se fai moito. Andamos pola grandes cidades e polas vilas pequenas.

-Que aceptación teñen?

-Levamos xa dous números e penso que está a ser moi boa.

-Cadran as contas?

-Non quixemos subvencións. A idea é tirar coas subscricións e a publicidade e agora costa, claro. Non pensamos facernos ricos pero era necesario facer esta revista.

-No primeiro número falaban do feísmo urbanístico, no segundo da Cidade da Cultura...

-Feísmo intelectual.

-Efectivamente. E no terceiro, con que nos sorprenden?

-Con outro capítulo do feísmo. O feísmo en infraestruturas. Falamos do AVE que non temos. Os cataláns teñen socavóns nas obras, nós non temos nin iso.

-A nómina de colaboradores de Retranca é espectacular.

-Si. Cando se fala do humor galego sempre se fala de Castelao, pero xa hai outros moitos clásicos. A retranca tamén se globaliza e se nota esa globalización.