O xacemento de Xiabre xustifica un parque de arte rupestre

La Voz

AROUSA

28 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda non hai moito La Voz de Galicia ofrecía aos seus lectores a vaixela porcelana de alma galega consistente en 41 pezas decoradas con petróglifos, un dos símbolos de comunicación máis importantes da historia de Galicia.

Se a imaxe dun petróglifo é capaz de constituírse a nivel popular nun símbolo da nosa identidade como pobo ¿como é posible que valoremos tan pouco o noso? ¿como explicar que viaxemos en low cost para visitar monumentos de todo o mundo como o famoso círculo lítico de Stonhenge sen coñecer o que temos á porta da nosa casa? ¿por que as pinturas de Altamira nos parecen tan importantes e os nosos petróglifos non?

Pensei na actuación feita en Tourón (Ponte Caldelas), onde o ano pasado foi inaugurada unha área arqueolóxica que fomos ver con alumnos da Facultade de Historia. Primeiro visitamos o pequeno centro de recepción e despois iniciamos a rota a pé para ver os petróglifos. Despois acabamos no bar de Tourón, onde os veciños estaban contentos porque «agora con isto dos petróglifos vén xente de todos lados». Actuacións semellantes están a desenvolverse na área da Caeira (Poio) ou en Paredes (Campo Lameiro), onde se construirá o Centro de Interpretación da Arte Rupestre. Isto non é novo en Europa, onde hai unha longa tradición de parques arqueolóxicos de arte rupestre como o de Valcamónica, no norte de Italia, ou o de Tanum en Suecia, ou máis novos como o do Vale do Côa en Portugal.

Nas prospeccións arqueolóxicas recentemente realizadas con motivo da instalación dos aeroxeneradores pola equipa da Universidade de Santiago de Compostela, non só é que se atoparon novos petróglifos. Os traballos veñen de revelar un dos conxuntos inéditos de arte rupestre máis importantes detectados nos últimos tempos en Galicia, e que confirman as previsións sobre a grande potencialidade arqueolóxica do monte Xiabre e o val do Con, que xa fora posta de manifesto en actuacións arqueolóxicas previas. Por outra banda, o entorno deste novo conxunto é destacable dende o punto de vista paisaxístico. Así puidemos comprobalo na visita que fixemos a última hora da tarde ao seu impresionante emprazamento dominando o mar de Arousa.

O asunto dos petróglifos de Xiabre será tratado no contexto das nosas leis e das prioridades que establezan os que nos representan. Se trata da protección e conservación dunha manifestación cultural extraordinariamente fráxil, e tamén de promover a difusión dos valores patrimoniais e a investigación. Pero tamén se trata de contribuír ao desenvolvemento local e á ordenación do territorio e de fomentar o desenvolvemento sostible dunha área na que están postas todas as miradas nos últimos anos.

En todo caso, eu non vou dicir, como fixera Bouza Brey, que imos poñer a esperanza só na decisión dos nosos políticos ou de especialistas na materia, porque a salvagarda do noso patrimonio cultural e paisaxístico é cousa de todos nós. Suponse que a nosa sociedade evolucionada crece e madura ao aprender dos seus erros pasados. Esta vez está nas nosas mans que non volva a repetirse a mesma historia.