Vilagarcía propón unha ruta a través dos estudos de 29 artistas

La Voz

AROUSA

26 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

vilagarcía | A Ruta da Arte é o título dunha iniciativa que vén de poñer en marcha a Concellería de Cultura de Vilagarcía. Prolongación dun proxecto comezado xa no anterior mandato municipal, a idea parte de vencellar o numeroso colectivo de artistas que habitan e traballan na cidade co patrimonio cultural vilagarcián, formando parte indisoluble do mesmo. En definitiva, o talento concibido como capital e riqueza, do que os creadores e a imaxe colectiva da capital arousá ben poden retroalimentarse. A materialización deste concepto acada a forma dunha guía que se detén en 29 artistas plásticos (pintores e escultores) que posúen estudo en Vilagarcía. Como afirma o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, «son todos os que están, pero non están todos os que son». A Ruta é, efectivamente, unha obra aberta, un proxecto que pola súa propia vocación debe ser actualizado, coas baixas e incorporacións que se vaian producindo. Polo momento, a edición do 2007 conta con estes 29 creadores. A obra concíbese como unha pequena mostra e reflexión encol da obra de cada un deles, ilustradas coa imaxe do propio autor no seu espazo de traballo. Ao remate, un mapa do municipio permite ubicar cada un dos estudos. E esta última parte ten a súa importancia, xa que a concellería prevé facer desta guía un instrumento vivo, que permita a todos os interesados percorrer os estudos da cidade, poñerse en contacto cos creadores e coñecer e mercar obra. Na confección da ruta teñen traballado con especial dedicación os técnicos de Cultura, dende Xabier Camba a Ana Santorun, o equipo do gabinete de comunicación, a través de Rocío Lueiro e Manuel Villaronga, mentres que as imaxes corresponden a Vítor Mejuto, o deseño a Carlos Crespo e os textos a Serxio González. Emilia Graña coordinou o proxecto. Para percorrer Galicia A presentación da iniciativa terá lugar mañá, a partir das oito e media da tarde, no auditorio municipal de Vilagarcía. Cada artista ten cedido unha peza para compoñer unha mostra do traballo creativo que se está a desenvolver nestes momentos na cidade. Haberá sorpresas. A primeira, o feito de ocuparen as obras non as salas de exposicións habituais do recinto, senón un dos espazos comúns do complexo vilagarcián. O último chanzo deste camiño debería chegar, segundo Castro Ratón, cun percorrido da mostra por toda Galicia e mesmo fóra dela, como marca de imaxe e identidade da capital arousá.