«Tentamos manter viva a figura e o ideario de Hernán Naval»

José alonso Antonio Veiga RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

O sábado preséntase una escolma de artigos do músico

10 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

OO sábado ás 13.00 horas preséntase en Ribadeo, na sede da Escola Municipal de Música e Danza (Casa do Mar), o libro Vou canso de todo menos da música-Escolma de artigos de Hernán Naval, editado pola asociación cultural Musiqueando coa colaboración da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo e máis da Área de Cultura da Deputación de Lugo. O libro é resultado da colaboración desinteresada de unha serie de persoas que tiveron relación con Hernán Naval, tanto a nivel musical como persoal, en diferentes etapas. Suso López é o presidente de Musiqueando, quen definiu así o obxectivo da iniciativa: «Manter viva a figura e máis o ideario de Hernán e demostrar a vixencia do seu xeito de pensar e de entender o mundo da música, da cultura, da filosofía ou da sociedade».

-¿Cómo xurdiu a iniciativa desta homenaxe?

-Dende Musiqueando queriamos facer algún acto que puidese honrar o décimo aniversario do pasamento de Hernán Naval. Pero non queriamos que fose algo puntual, un concerto, senón unha forma de espallar parte do traballo que fixo. Entón xurdiu a posibilidade de recompilar unha ducia de artigos seus máis programas de man que solía escribir cada vez que a banda daba un concerto, unhas notas ao programa nos que comentaba dende aspectos históricos a anécdotas das obras que interpretaba a banda. A iso xuntamos reseñas de prensa, que foron publicadas dende os anos 1990 ao 2001 en medios locais e publicacións de outro tipo, como a revista actual do IES Dionisio Gamallo Fierros, coa que Hernán colaborou en 1991. En todo este traballo de recompilación tivo un papel fundamental Fernando Rodríguez Raño (Fuji).

-¿Que podemos dicir sobre quen foi Hernán Naval?

-Para a xente de Ribadeo e da Mariña pódese definir como un dos referentes músico-culturais dos anos 90 na comarca e, penso, tamén en Galicia. Era un músico, pero a súa faceta intelectual tamén abarcaba ámbitos da cultura, da política... Chegou a Ribadeo no ano 1989 para poñer en marcha o proxecto da banda de música, unha tarefa que parecía moi complexa pero que el comprometeuse a ter feita no ano 1992. E así foi. A banda presentouse no 1992 con 40 compoñentes. Pero Hernán concibía a banda como un elemento fornecedor da cultura de Ribadeo, non só para tocar, senón para que a xente que a escoitaba aprendese dela, aprendese historia, filosofía... El impregnaba todos os seus traballos de eses compoñentes que estaban arredor da música e trataba de que a través da banda se contribuíse a xerar un pouso cultural, político, filosófica da xente que estaba canda el. E tamén puxo en marcha a escola municipal de música de Ribadeo, sendo un referente a seguir en toda Galicia.

-¿Como se poderá conseguir o libro da homenaxe?

-Edítanse mil copias que se entregarán gratis. Quen o queira solo terá que pedilo na escola de música e danza de Ribadeo ou ben poñéndose en contacto coa xente da banda. Trataremos de facer todo o posible por espallar esta obra, porque o obxectivo é manter vivo o nome de Hernán. Tamén se fará chegar a todas as escolas de música de Galicia e ás bibliotecas das universidades.

s que tivemos a sorte de compartir con Hernán algunhas tarefas da súa intensa vida, aínda recordamos a revolución cultural e musical que a chegada do músico viveirense supuxo en Ribadeo. Así aprendimos tamén como o reggae, a salsa ou o rock non estaban reñidos cos clásicos e que todo o mundo podía participar na interpretación da Marcha de Radetzki acompañando á Banda.

O dito por Simon Rattle «?.. a música é patrimonio universal e o acceso a ela debe ser un dereito de todos e non un privilexio?.» cumpriuse ao pé da letra na última década do século XX en Ribadeo . Pero coma toda grande obra, non foi sinxelo sacala adiante, pois ainda houbo quen se atreveu a «poñerlle chatas antes de estar rematada». E tamén como toda gran obra que debe ser continuada, estamos seguros que tanto desde a Escola Municipal de Música e Danza como desde a Banda Municipal de Ribadeo, vaise seguir traballando e ao mesmo tempo demostrando que o pensamento de Hernán Naval e o seu xeito de entender a música e a cultura non só sigue vixente senón que tamén e necesario.

Dez anos despois do seu pasamento, cando algúns din que estes son «malos tempos para a lírica» outros pensamos, algo que tamén aprendimos do mestre: que sempre nos vai quedar a música e a cultura para facerlle frente á barbarie dos que nos queren silenciar transformándonos en mercadoría á que se lle pode poñer prezo.

E por suposto, moito ánimo aos mozos e mozas da asociación Musiqueando para que non cedan no seu empeño de manter viva a figura de Hernán Naval e difundir o seu legado musical e cultural.

Antonio Veiga Outeiro é vicepresidente da Deputación de Lugo.

Editaranse mil exemplares, que se entregarán gratuitamente a quen os pida