«Viveiro é protagonista en boa parte do libro que presento»

Miguel Sande Corral
m. sande VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O escritor Isidro Novo, de raíces viveirenses, trae á cidade os seus «Cabalos do demo e outros invertebrados»

17 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Isidro Novo presenta esta noite en Viveiro o seu último libro, recén editado, de título «Cabalos do demo e outros invertebrados». Será ás 20.30 horas no salón de actos de Caixa Galicia. A presentación está organizada polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro e xunto ao autor intervirán tamén o poeta Xoán Neira e o editor Xan Arias, pois este libro de relatos de Isidro Novo foi publicado pola Editorial Trifolium.

Pódese dicir que Isidro Otero volta ao seu Viveiro da infancia, onde ten raíces profundas e onde mantén aínda vínculos familiares. El mesmo o explica: «Si, o meu pai era de Landrove e a miña nai de Vieiro, aínda que eu nacín en Lugo pero pasei tempadas longas da miña infancia en Viveiro e aquí teño a familia».

E Viveiro, como el mesmo sinalaba na conversación que mantivemos, é en boa parte protagonista tamén do libro que hoxe presenta. «É así, a verdade é que lle teño un gran cariño a Viveiro, á comarca de Viveiro e de feito, o propio Viveiro é en boa parte protagonista do libro. «Cabalos do demo e outros invertebrados» é un libro de narracións breves, cinco narracións concretamente, e a primeira delas, que lle dá título ao libro, desenvólvese aí, en Viveiro, na Ponte de Landrove e na taberna do Palleta, que vén ser o centro do relato. Con esta narración precisamente acadei o premio de relatos Manuel Murguía, que convoca o Concello de Arteixo. Outra narración que se inclúe no libro é a titulada «Unha asombrosa sombra», que saíra publicada na Voz de Galicia. A presenza de Viveiro e da comarca de Viveiro é constante, por iso é que quixen presentar este libro aí, e farémolo hoxe, esta tarde».

«Mira se haberá presenza de Viveiro que ata o título do libro vén dun regato que lembro que había en Landrove, a onde íamos xogar, e no que abondaban os cabalos do demo. O certo é que a memoria deformante, como dicía Cunqueiro, e a imaxinación fan un cóctel literario do máis interesante. Gústame homenaxear a Viveiro porque é como voltar á miña propia infancia e xuventude. Sai o Cantábrico, sai o Monte Castelo, lembro que sai tamén un personaxe de Viveiro, ben curioso, o Pinchorro de Bravos; dicíase que tomaba os vasos de viño -clarete- montado a cabalo; euue non o coñecín, pero a xente tíñalle medo e falaba moito del. Non sei se chegou a existir ou non, pero o feito é que na imaxinación si está e permanece».

Isidro Novo é autor dun libriño sobre O Courel e Novoneyra, que editou recén a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Isidro Novo tratou moito ao bo de Novoneyra en Lugo e lémbrao con especial afecto. «O meu grande amor pola literatura, que empezou pola poesía, débollo a Novoneyra. Coñecino en Lugo, cando el viña namorar a Elba, e aí comezou a nosa amizade. Tomabamos os viños xuntos e recitaba, recitaba constantemente, como sabes. Novoneyra era e é un poeta maxestoso pero á vez moi cercano e próximo».

isidro novo escritor