Suso do Bahía, en homenaxe

Moncho Ermida

A MARIÑA

22 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Suso do Bahía ou do Xuez para aqueles que moramos nesta beira norte galega como gusta de dicir Baixeras, Suso de Foz alén da Xesta como testemuñan cartas recibidas sen outro enderezo, vai ser homenaxeado o vindeiro venres 23 de Abril, por veciños e amigos na sala Bahía de Foz. Ningún outro homenaxe máis merecido que para este conveciño, pero tamén unha homenaxe para todos aqueles focegos que souberon vivir con dignidade e sen ataduras, que quixeron quererse desde o propio pero sen esquecer de onde veñen, que pretenderon engraecer o seu pobo sen ningún tipo de rédito, que pensaron que só iso é posíbel desde a cultura. Hai motivos, moitos motivos, para homenaxear a Suso.

Cando eramos novos, e queríamos coñecelo todo, Suso foi unha sorte de Don Ramón para moitos de nos. A oficina que se atopaba na parte de atrás da libraría, era o máis parecido, a mesa de despacho do Pazo de Trasalba. Nun tempo no que non existía a penas bibliografía sobre Foz, Suso, resolvía as nosas dúbidas, falábanos do Guau-Guau, explicábanos a importancia de San Martiño de Mondoñedo, informábanos de Salgado, Lugilde ou Mato e sen ningún tipo de reparos ilustrábanos, aínda non chegara a moda da memoria histórica, do que fora o período republicano e o franquismo. Non había dúbida sobre a nosa historia que Suso non estivese disposta a aclararnos, agás aqueles na que el era protagonista.

Ao igual que Don Ramón cos mozos da súa xeración, Suso nunca tivo un non para aquelas iniciativas que fomos poñendo en marcha no ámbito cultural. Apadriñou aquela iniciativa xornalística que lanzamos adiante nos anos de bacharelato, fixo posíbel que naceran as Xornadas de Historia Local e puxo a cara, e algo máis por nos, para facer posíbel que o noso Concello acollese a algúns dos máis grandes da nosa cultura. E non podía ser doutro xeito cando soubemos que fora Suso quen impulsara a revista "A Rapadoira", quen organizará a "Feira de Artes Populares", quen promovera a edición dos "Versos Frolecidos en Louvanza a Foz", quen organizará as dúas edicións dos xogos florais, ou quen botara a andar o Torneo Conde de Fontao ou a primeira travesía de piragüismo Ría de Foz, por non falar daqueles bois que pastaron no Prado de Ramos, antes de rematar no matadoiro da miña casa.

Fiel á máxima coa que o adoutrinaron nos maristas da Coruña, "firme cos poderosos, servil co débil", como Don Ramón, fixo da independencia e da dignidade, norte da súa vida. Non se guiou doutra cousa que non fose o seu criterio, mesmamente de xeito testán para quen fomos contrariados, exerceu sempre como libre precisamente por non ter ningunha peaxe co poder e máis que agradar a ninguén, estivo sempre en graza coa súa conciencia.

En pleno franquismo izou por primeira vez a bandeira galega en Foz após a Guerra Civil, cando había libros que non se podían ler, vendíaos na súa libraría, se Foz era agredido, el estaba na primeira liña da protesta. Nunca colleu o atallo, e moito menos se perdeu cando había que dar o callo para defender o seu pobo, e así vimos a Suso pelexando polo Instituto, ou polos comerciantes, ou pola sanidade, ou polo asilo, ou pola promoción turística.

Se Don Ramón foi o que máis escribiu e falou sobre Galiza, Suso é quen máis falou e escribiu sobre Foz. Nun caso e noutro, non nos moveu unha preocupación estilística, moito menos o recoñecemento do público, o seu obxectivo era/é o servizo ao seu pobo. Só o desorde de Suso fai posíbel que na súa casa haxa sitios para os seus escritos, colaboracións radiofónicas ou conferencias. Haberá logo que buscar nas hemerotecas da prensa galega e nos arquivos particulares os milleiros de artigos publicados ao longo destes cincuenta anos que recollen a memoria de Foz. Haberá que rastrear tamén nos arquivos para rexistrar os centos de conferencias pronunciadas ao longo e ancho do Estado e as súas colaboracións radiofónicas, con Foz sempre no horizonte.

Aínda así, Suso, animado por outros, deu ao prelo varios libros que seguen a ser imprescindíbeis para coñecernos e recoñecernos.

Suso, como Don Ramón, como afirmaba o Manuel, é fundamentalmente unha grande persoa. Que bo tipo é o Suso de Foz, dicía o Manuel, cando coincidiamos con el, e a este bo tipo é o que imos homenaxear e lembrar, o 23 de Abril, no salón construído polos seus pais. Alí estará o Arcadio e a Banda de Foz, porque Foz xa ten banda e músicos, e o Xoán Ramón, Presidente dunha asociación que quere continuar a súa obra e que o vai nomear socio de honra, e Saleta, a viúva do Manuel, amiga de vello de Suso e Marita e matriarca da cultura galega, e o Xulio Xiz, compañeiro de trincheira xornalística e radiofónica, e a Luísa Castro, a nosa grande escritora, que tivo e ten a Suso coma ao seu libreiro, libreiro na tradición de Casal. E alí estaremos os seus veciños e amigos, porque o homenaxe somos todos e todas.

Suso meréceo.