«A profesión de barista non está valorada e é descoñecida»

A MARIÑA

As dúas estudantes quedaron en primeiro lugar nos campionatos celebrados a semana pasada

11 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A semana pasada, dúas estudantes deixaron en moi bo posto ao IES de Foz e principalmente ao seu departamento de hostalería. Sofía Prieto Lestao (Burela, 1983), que estuda ciclo medio de servizos e fixo o superior de restauración, e Nuria Moirón (Riotorto, 1987), que está facendo o superior de restauración e xa ten os medios de cociña e de servizos, quedaron en primeiro lugar nos campionatos de baristas que acolleu o centro, coordinados polo profesor Xosé Ríos. Sofía gañou o da rexión noroeste da SCAE e Nuria o celebrado entre alumnos das escolas de hostalería galegas.

-¿Que lles pareceu quedar en primeiro posto nas categorías ás que se presentaban, representando ao IES focense?

-Sofía: Eu son a campioa da rexión noroeste de España, é unha clasificación para ir ao nacional. Non mo esperaba porque como participaba co campión de España do 2007 e 2008... ¡Foi unha gran sorpresa!

-Nuria: É unha sensación moi grande, unha experiencia boa, sempre me interesei polo mundo de café, pero agora moito máis. Non sabía que era tan complexo, ata que me fun metendo nisto, pero ten a súa historia e especialización.

-¿Parecéronlles difíciles as probas?, ¿tiveron nervios?

-(S). Igual que o resto do campionatos. Estiven nerviosa ao esperar... pero despois ben, como xa levo participado en varios campionatos vas pillando táboas e os nervios tes os xustos. Agora vou a ir o 28 de febreiro á final nacional en Casteldefells. Xa me estou preparando para as probas... ¡home claro, so faltan quince días!

-(N) Non tiven nervios, vin a outros compañeiros que se pasaban de tempo e eu me dixen 'vou ir tranquila e facer e o que saia'. Cando terminei, pensei ¡que ben me saíu! Estaba todo o mundo apoiándome, os compañeiros, a familia...

-¿Que opina da formación que se da de hostalería no IES?, ¿tiveron xa experiencia no mundo laboral?

-(S) O IES de foz creo que é unha das mellores escolas de hostalería que hai en Galicia, todos os alumnos saen ben formados, somos bastantes profesionais e as instalacións e servizos... non todas as escolas as teñen coma aquí. Eu xa levo dende os 16 anos traballando, agora teño 25, pasei por varios restaurantes, cafeterías e fun asesora de baristas nunha torrefactora de café.

-(N) Moi ben, para min o IES de Foz mereceu ter a dúas representantes gañadoras nos campionatos porque ten un ensino moi bo, prepárante moi ben, estou contenta, ten moita fama, vale a pena formarse aquí.

-¿Cambia moito a percepción sobre a hostalería cando se estuda e cando se traballa?

-(S) Traballei antes e despois de estudar e é como o branco e o negro. Normalmente cando traballas nun establecemento e tes os estudos, eres máis profesional, aprendes a facer as cousas ben.

-(N) Eu traballei dous veráns, en cociña. Cambia bastante porque aquí no centro che ensinan o básico. Cando vas a un establecemento hostaleiro enfróntaste a todo. Cheguei a estar 16 ou 17 horas currando e unha semana e pico levei eu soa o servizo á carta e dis ser xefe de cociña... ¡tela!. Tes todos os problemas se estás ti soa. É outro mundo.

-¿Como cre que se valora a profesión de barista?

-(S) A profesión de barista está un pouco descoñecida. Pregunta a xente que é e tes que explicarlle que é un especialista en facer cafés. Pouco a pouco grazas ás escolas se vai coñecendo e nos van valorando aínda que por esta zona a valoración non é a desexable.

-(N) Pasoume estos días, que a xente me preguntaba ¿que é iso de barista? Eu expliqueilles o que era, e quédanse sorprendidos. Non se lle da valor ou importancia a isto.

-¿Que opinan de que do instituto saia xente cualificada pero acabe traballando fóra da comarca?, ¿por que pasa?

-(S) A xente vaise fóra porque aquí o traballo non é recompensado, pasas moitas horas e non aprendes nada, aínda por enriba. A pena é perder aos bos profesionais que saen do centro.

-(N) Véxoo normal, para o meu punto de vista. Na mariña busco o meu futuro pero aquí hai suficientes restaurantes de alta calidade. Algún hai, pero penso que poucos.

-¿Onde lles gustaría chegar na súa carreira profesional?

-(S) Gustaríame entrar en formación de baristas, de hostalería, ao mellor consigo entrar nunha empresa como asesora... Tamén quero volver a Burela dentro duns anos e montar o meu negocio, montar unha cafetería especializada en cafés e viños.

-(N) Falando coa miña familia, lles digo que me quería sacar un curso de maitre, aínda non sei por que decidirme, se por cociña ou servizos. Vouno facer porque o día de mañá é o que tes, no currículo. A cociña é moi escrava, eu vino este verán, saíndo algún día ás catro da mañá, pero ao mellor tamén me vou pola rama de camareira.