«Queremos recuperar a antiga feira de gando que había en Cervo»

A MARIÑA

04 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cervo recupera hoxe a súa feira de gando, por iniciativa da asociación Cabaleiros do Xunco que naceu en xullo do ano pasado e preside Julián Otero (Castelo-Cervo, 1981). Dentro das actividades previstas, no campo do aparcamento das festas de Lieiro no Guioncho, haberá compravenda de gando dende primeiras horas da mañá e, a maiores, paseos en carruaxe e cabalo de montura para os máis cativos (de 11.30 a 12.30 e de 15 a 16.00 horas), unha proba de treck de 3,5 quilómetros de percorrido (17.00) e entrega de premios (18.00) con 1.110 euros en total a repartir.

-Estréanse con esta feira, que trata de recuperar a que moitos cervenses maiores aínda lembran.

-Si, é a nosa primeira feira. Agardamos que todo saia ben e que o tempo veña ben. Meus pais tiñan antes o bar A Queimada en Cervo e lembro que fixeran concentración de cabalos hai máis de dez anos. Pero a antiga feira de Cervo xa nin a lembro. Queremos recuperala e que saia ben para vindeiros anos volvela a celebrar.

-Outras actividades próximas.

-Falamos dunha ruta cabalar para o verán pero non hai nada concreto.

-¿Gustan os cabalos en Cervo?

-Somos 23 socios. Hai moitos rapaces que teñen cabalos e que lles gusta este mundo. Eu teño varios; Princesa e Xana son dous deles. Sempre me gustaron, non puiden telos ata que empecei de traballar de policía local. O meu soño de pequeno cumprino.